Opinión

Un gaio sobre unha cepa

Está o gaio sobre unha cepa e contempla as ringleiras de postes de cemento e estacas de castiñeiro. Á súa beira pasa o silencio sen facer ruído e no ceo un azul claro pasma ante un panorama sinxelo e quizais nostálxico. O golpe dun pitorrei sobre un piñeiro pon en alerta ó gaio que, por un se aquel, decide emprender o voo cara un horizonte máis alá dun valado que hai na distancia. Axiña aterra sobre o lameiro do home do que non imos poñer o nome. Para que? Ó gaio dalle igual e o pitorrei non sabe de que vai o conto. Volveu a romperse o silencio por culpa do mesmo pitorrei que dálle que dálle ó piñeiro. Isto, ó gaio, empeza a poñelo nervioso. Nunha arroutada frenética alza o voo e volve para a mesma cepa. Alí aterra parsimoniosamente e lanza un grallo, un axirido cara ó pitorrei en sinal de que aquí estou eu e xa ninguén me moverá. Concéntrase de tal maneira que o silencio tamén pousa sen facer ruído. Ai logo! O gaio encóllese e pecha os ollos.

Te puede interesar