Opinión

Un puco máis de sentidiño

Non queda outra que admitir que a nova da semana pasada que máis impresionou foi a riada de Sant Llorenç, coas súas 12 vítimas que, máis seguro, aumenten ata 13, porque no momento en que escribo este Recuncho aínda non aparecera o neno ó que estaban buscando desde o primeiro momento. A desgraza e a desolación é enorme. Pero a min houbo un asunto que me fixo renxer un chisco os dentes: a axuda de Nadal. Durante uns días non se falou doutra cousa, do acto solidario do gran Rafa Nadal. A ver, non creo que por botar unha man lle saísen calos nas mans, cando precisamente as terá cheas deles a causa da raqueta que usa para darlle ás pelotas de tenis. Calos e vinchocas. A ninguén lle caen os aneis porque empurren cunha vasoira un pouco de bulleiro. É Rafa Nadal! E que? Acaso non é un veciño? Pero o peor aínda chegou cando por certas redes sociais asomaban dúas fotos en plan comparativo: unha na que está Nadal apoiado na vasoira que está usando, e a outra na que está Pedro Sánchez conversando cun integrante da UME (Unidade Militar de Emerxencias). Na foto de Nadal, no pé da mesma, hai unha lenda que di: “Cando vas a axudar”. Na foto do presidente do Goberno, a lenda é distinta: “Cando vas para a foto”. As fotos do feisbuq nótanse a leguas que se publicaron coa intención de criticar a Sánchez e de louvar a Nadal. A ver; sobre a axuda de Nadal falei liñas arriba, e sobre a presenza de Pedro Sánchez... pois en principio non pinta o ridículo collendo unha pala ou unha vasoira como fixera o noso Núñez Feijóo cando collera a mangueiriña de xardín para apagar nos incendios. Iso por un lado; e polo outro: que realmente quen máis lles vai axudar ós habitantes desa localidade será o Goberno español coas axudas que lles distribuirán como zona catastrófica. A axuda de Nadal é moi bonita, pero a máis necesaria é a das institucións. A de varrer o bulleiro, máis ou menos, podían facelo os propios veciños (tardando, iso si, ó mellor, algo máis de tempo), pero os cartos que se van a poñer para levantar a esa pobre localidade xa sabemos todos de onde saen. Pedro Sánchez pódese dicir que non ara cos meus bois; pero tamén sei que se non fixera acto de presenza poríano a parir de igual maneira. Ás veces debiamos de ser un pouquiño máis serios ou ter algo máis de sentidiño cando se publican esas cousas.

Te puede interesar