Opinión

Un universo novo

Se quere ver algo divertido e simpático, vaia a outra sala. O que aquí contarei nada ten de simpático”. Desde esa primeira secuencia, o que semella ser o comezo dun simpático debuxo animado sobre un elfo, nada é o que parece nesta película; de aí o aviso. “Una serie de catastróficas desdichas de Lemony Snicket” (2004) é unha das propostas máis estrañas, e ó tempo apaixonantes, que se viviu nos comezos deste século.

Aventuras tétricas, aínda que non exentas dun fermoso halo de misterio, de tres orfos case nenos cuxos pais morreron de maneira violenta e cuxa titoría espera obter un sinistro, maquiavélico e ególatra actor; e tan só para intentar mandar ós nenos ó outro mundo e, así, cobrar a herdanza que lles tocara en sorte.

Como se verá, e ó igual que ocorre con outras das grandes criaturas da ficción para nenos, tamén por aquí asoman multitude de referencias que se tomaron do baúl das historias infantís de todos os tempos. O filme é unha adaptación de varios libros de Daniel Handler que segue ó pé da letra a estrutura de persecución-escapatoria do malvado e os tres nenos ata que o final feliz clausure a función.

Na película, que o director Brad Silbering narra con certa morosidade, porque necesita darlle moitas pistas para que o público infantil non se distraia, a súa estética visual elévase por enriba das continxencias dunha historia xa vista ata atrapar sutilmente ó respectable nun xogo no que o macabro e o marabilloso se dan a man nunha feliz conxunción artística, moi lonxe dese cine chamado “para nenos”. É estraña pero é fascinante, é rara pero é excitante. É unha auténtica recomendación para nenos, iso si, con imaxinación.

Auténtico triunfo da dirección artística e cuns títulos de crédito finais que son unha pequena delicia. A verdade é que un alégrase bastante ó ver que unha película con esta estética tan alucinante estea asinada, dirixida por outra persoa que non sexa só Tim Burton. É desas películas na que se inventa un universo novo.

Te puede interesar