O uso do móbil e dos inmigrantes

O uso do móbil e dos inmigrantes

Segundo unhas veces ataco á Fiscalía porque vai en contra ou a favor de quen non debe ir, hoxe toca darlle un voto de confianza ante a petición de que se investigue a fondo o uso do móbil dun condutor logo dun accidente grave. Paréceme ben. Paréceme moi ben.

Como teño que viaxar todos os días empezo a ver xa case máis móbiles que volantes. Incluso sen os ver, notas a leguas se tal ou cal condutor está facendo uso do móbil. Pola forma de conducir. Pola forma de reducir. Ás veces ata dubido se será o móbil ou se será que ás sete e pico da mañá un xa vai borrachiño perdido. O uso do móbil seica xa é primeira causa de mortalidade nos accidentes de coche, máis incluso que o alcohol e a velocidade.

Así é que a Fiscalía xa está tardando en actuar. E non vale bombardear con publicidade para que a xente se conciencie da gravidade do asunto. Todos sabemos xa que unha simple distracción pode mandar ó traste unha ou varias vidas humanas. Un simple guasap. Unha simple ollada ó móbil que vai á beira dun porque acaba de emitir un son de chamada ou de aviso de correo. A mellor ensinanza para tomar conciencia é  a de fortes multas e penas de presidio.

O ser humano só aprende cando lle tocan a carteira ou cando o privan de liberdade. É certo, algúns nin así. E por culpa destes algúns, outros van para os cemiterios.

Sempre dixen e sempre direi que a peor desgraza dun país é a emigración. Galicia é un país emigrante (para min, tan emigrante é o que está en Madrid ou o País Vasco como o que vive en Suíza ou en Alemaña). Galicia sempre foi emigrante. Pois ben, dáme unha rabia inmensa ver como emigrantes ou fillos de emigrantes atacan con saña, con xenreira a eses pobres inmigrantes que están facendo o mesmo que fixeron eles: buscarse a vida.

De que nos veñen comer o pan. De que nos veñen sacar postos de traballo. Eses traballos que nós nunca quereremos. Eses traballos que moitos malnacidos lles ofrecen porque saben que son man de obra barata. Para min é moi triste ler comentarios de xente que se botou por outros mundos para poder subsistir. Por iso odio tanto as fronteiras. Porque todo ser humano ten dereito a vivir onde poida. Quen somos nós para dicir que este cacho de Terra é noso?