Opinión

Veciñas de porta con porta

Quero pensar que as dúas mulleres que están a barallar no mazadoiro da burga son máis que amigas, porque unha delas dille á outra que o seu home, polas noites, nunca sabe cando chega á casa. Non o sabe el. Ela si. Raio de home!, remata. As dúas mulleres levan panos na cabeza e visten de negro; unha por viuvez e a outra, a do home, polos seus pais, que morreron hai máis de 20 anos. Por vida!, levarei loito por vida!, exclama cada vez que lle din: pero, muller... Certo que cando se lle vai o santo ó ceo, solta unhas gargalladas que xa os máis paveros quixeran para si. E coma se se puxeran de acordo, as dúas erguen a un tempo, pillan os caldeiros que tiñan ás súas beiras e baixan as escaleiras para enchelos de auga quente. Seguro que son para botarllos á calda dos renchos. Soben pola rúa da Igrexa e ante as portas das súas casas seguen latricando sobre o home da máis alta. Agora entendo esa confianza; son veciñas de porta con porta. Cando anoitece sobre Baños de Molgas lánzanse un "que descanses" e ss dous bultos negros entran nas casas.

Te puede interesar