Opinión

Viaxes interiores

Cando se fixo público que o próximo proxecto de Alejandro Amenábar, despois da sorprendente "Os outros", sería unha adaptación ó cine dos derradeiros días de Ramón Sampedro, o abraio foi colectivo. Saír dunha película de mortos para meterse nunha sobre un tipo que quere morrer, deixar o xénero do suspense e terror para pasar ó realismo cun puntiño combativo, non semellaba, de entrada, un paso lóxico e coherente. A fácil tendencia de encadrar e clasificar empurrábanos a crer que Amenábar só era hábil coas "snuff-movies", os xogos do futuro ou os mortos que non se decatan do seu novo estatus.

Quizais para romper con ese mito, Amenábar virou o temón e marchou "Mar dentro", arrastrando con el a Javier Bardem. E xa en alta mar, foron capaces de construír esta película dolorosa e honesta, de enorme solidez e emocións auténticas que nos conta, moitas veces cun humor moi negro, a triste historia deste home que quere morrer.

Non hai sorpresa final, é unha película como as de Cristo, na que sabemos o desenlace tráxico do personaxe desde o principio, pero aquí o importante non é sequera que o tetrapléxico Ramón Sampedro, despois de 28 anos prostrado na cama, consiga cunha pequena axuda dos seus amigos, descansar finalmente. O que importa en "Mar dentro" son as viaxes interiores dos personaxes, esa evolución que os fai crecer.

Paralelamente á narración está a viaxe que fai o espectador e esa tamén é importante porque a película intercambia a mágoa inicial pola solidariedade coa súa causa, o rexeitamento ó seu obxectivo pola comprensión do absurdo da súa existencia. O personaxe de Lola Dueñas, marabillosa na súa interpretacón, vive este mesmo proceso e quizais por iso é que cale tan fondo no espectador, que produza tanta empatía. Á marxe do logro que supón poñer en pé esta historia verídica desde un ángulo puramente humano, sen facer proselitismo sobre a eutanasia, faise obrigatorio mencionar os aspectos netamente cinematográficos que fan de "Mar dentro" a gran película que é. O guión mestura humor e inxenio. As paisaxes galegas xa as coñecemos. E os traballos de Bardem  e Celso Bugallo quedan xa para a historia cinematográifica.

Te puede interesar