Opinión

Vigoroso e espléndido

Todo é desconcertante en “Memories of Murder (Crónica dun asasino en serie)” (2003), vigoroso e espléndido
thriller surcoreano, un cine nacional que empeza a apuntar a súa interesante presenza nas nosas carteleiras. Éo, para
empezar, polo ton: narración que privilexia ante todo unha investigación criminal, a persecución dun asasino sexual
que actuou nun remoto pobo do interior do país deixan ó espectador literalmente en terra de ninguén.

Éo, igualmente, porque esa investigación, na que non faltan ecos do máis nobre cine criminal americano, está condenada a ter un final desconcertante. O único, probablemente, co que o espectador non conta, unha resolución que,
lonxe de resultar unha argucia intelixente, desvela o ton xeral da peripecia, percorrido por un aire de invencible, dramática derrota. E éo, en fin, tal vez polo que máis interesa: porque, como quererían as vellas historias criminais americanas, ou o bo de Ernest Hemingway para as súas narracións curtas, o que acabamos vendo non é máis cá minúscula punta dun iceberg, unha maneira de entender a administración da xustiza que resulta unha sorte de gangrena moral que corroe a todos os máis que cidadáns, súbditos do país.

No fondo, o tema oculto da historia que propón o aquí descoñecido Bong Joon-ho (tampouco é moito máis coñecido
no seus país: é esta a súa segunda película), non é outro que presentar un determinado momento histórico habilmente posto entre bambolinas, pero asfixiantemente presente en numerosos matices e actuacións dos personaxes; un país sometido a unha violenta ditadura militar, que lle impuxo a unha sociedade uns métodos enfrontados cos máis elementais procedementos democráticos.

Así, a investigación que protagoniza Song Khanho avanza a tombos, con métodos que parecen servir máis ó descubrimento xeral dunha realidade social oculta que a desvelar verdadeiramente ó emboscado autor dos asasinatos múltiples. A película ten un notable control do proceso narrativo.

Te puede interesar