Opinión

Vulgar repetición

Desde a primeira secuencia, máis que crear tensión ou xerar terror no patio de butacas, o obxectivo da película “Creep” (2004) parece ser chegar como sexa ós 85 minutos de duración, sabedores de que non tiñan historia para elo e de que o guión non contiña máis que unhas cantas páxinas. Case se pode dicir que “Creep” ven a darlle corpo ó concepto de curtametraxe longa. Todo elo valorando que, como curta, tampouco sería máis que unha vulgar repetición de algo xa visto centos de veces: o mal que asexa nos fríos corredores e nos escuros túneles dun lugar máis ou menos sinistro, neste caso o metro de Londres.

Debut como director do británico Christopher Smith, “Creep” ten como protagonista á excelente actriz alemá Franka Potente, á que, despois do éxito de “Corre, Lola, corre”, empéñanse en endosarlle calquera papel físico que requira poñer cara de angustia e amosar dotes de atleta diante da cámara. O tópico do cine de terror sobre a rapaza que sempre fai o que menos se espera para fuxir do perigo faise máis patente que nunca no filme, pero o peor é que a información sobre o misterio que encerra a historia tarda demasiado en chegar. Así, cara ó minuto 45 da cinta, é dicir, máis da metade e despois de catro ou cinco mortos, non é que os datos sobre o enigma sexan mínimos ou insuficientes, é que simplemente non os hai. Desta maneira, o espectador acaba desconectando sen remedio, farto dos absurdos comportamentos dos seus personaxes, de tanta carreira e de tanto rostro desencaixado.

Non se botan de menos en “Raíñas” (2005) eses elementos que nunca faltan nunha película de Gómez Pereira, escrita con Joaquim Oristrell e Yolanda García Serrano: enxeño nos diálogos, invención de situacións interesantes, unha lectura concreta da realidade circundante, un coñecemento profundo dos mecanismos ocultos que moven desde sempre os resortes dunha comedia clásica. Pero, a pesar de iso, “Raíñas” naufraga por algunhas cousas que si son inéditas na filmografía común destes tres creadores: un uso porcallán de tópicos anexos á homosexualidade, unha lectura máis que discutible das relacións nais-fillos, un deixar campar polos seus foros a algunhas das protagonistas, que fan perigar toda credibilidade. Unha pena.

Te puede interesar