Opinión

Xa me sinto cheo

Así, sen parar mentes, podo dicir que xa empezou a liga de fútbol. Así, da man para o pé, recalco tamén que empezou a volta ciclista a España. Xa está. Xa é abondo para, deportivamente, sentirme cheo... de moral. É certo que lle tiña ganas á liga. Que si, que xa tiña mono de fútbol. Nos veráns que non hai Mundial nin Eurocopa deberían de inventar algo, outro trofeo importante para seguir enganchados ó fútbol. Xa sei que para moitos está mal visto tanto fútbol, tanto fútbol. Pero tamén están moi mal vistos os funcionarios e, non obstante, que bonito é ser funcionario! E que ben se vive, carallo! O que vive ben, claro. É verdade que reitero moitas veces que o ciclismo aínda me gusta máis có fútbol. Certo. E procuro ver todas as etapas. Porque alucino cos esforzados da ruta; coas súas escapadas, cos seus abanicos, cos seus golpes dos cadrís cando soben montañas que nin as cabras. Agora mesmo recoñezo que estou na gloria. A pena é que O Celta e o Dépor empezaron perdendo. Claro que xa se sabe que a alegría na casa do pobre dura pouco. Pero hai fútbol para darlle cun sacho.

Te puede interesar