Uvas a cestos

Os cestos culeiros para a carrexa das uvas nas abas da Ribeira Sacra de antano disque naceran maquinados pola mente perversa dun cesteiro da contorna: seica fora cousa matinada polo Coxo da Barca de Baixo ( o meu pai dicíame que non había coxo que non tivese mala uva), resentido o home co mundo e, mesmo, coa mula falsa que o deixara derreado de por vida; así que o invento dos cestos culeiros veu por envexa de ollar ós mozos cantando ou botando aturulos na carrexa das uvas polas escaleiriñas dos pataos (socalcos) da ribeira de Amandi. Os cestos gárdanse todo o ano encasquetados, os cus duns nas bocas dos outros, no baixo teito do alpendre da casa con fachenda, acubillo das augas: contando os cestos, un podía calcular as cavaduras de viño que presumía ter un fulano, que tanto tes, tanto vales.

Co gallo de alimentar a lareira e de afumar os chourizos, repousaba amontoada no alpendre unha morea de cepas vellas, retorcidas polo castigo de sucesivas podas: os cozos das cepas tamén casaban co cabrito trincado nun espeto para festexar o día do Carme, a patroa da parroquia de Sacardebois, ademais da ofrenda da primicia dun acio de mencía que entrecollían os mozos embaixo, na Barxa, á beira do Sil, onde as uvas, máis temperás, lucían as cores de seu. Cepas centenarias de merenzao, que se esgotaran despois de centos de cestos de maduros acios no percorrer dos anos, da familia “Trousseau”, nada no lar da Borgoña francesa, de onde viñeran cos peregrinos noutros tempos esvaecidos polo Camiño de Santiago, con fillos bastardos en Portugal e netos na Ribeira Sacra, os máis guapos deles, os nomeados “Alpendres do ronsel do Sil”, criados devagar na Barxa, co agarimo de seu en barricas de carballo francés, amosan neste setembro brillantes á luz dos ollos, de trato suave e de color rubí, amigos de apañaren as maduras grosellas: naquela etapa dourada presidiran as mesas dos freires nos días de liturxia grande: herdeiros, pois, dunha liñaxe de avoengo con loas de incenso aristócrata.


Os merenzaos, con comedida carga tanina e de pouca coloración confrontados coa luz, hai anos que caeran en desgraza pola omnipresente mencía, polas gabanzas do mouratón xigante en encheren as tinallas e mais pola tinta da garnacha que daba corpo ós caldos, deixando impregnadas de negro as cuncas brancas nas que agora se ofrece o viño nas adegas modernas como antes nas adegas e furanchos de particulares.
Así e todo, esta familia de vides, pouco a pouco, vai gañando rango nos terreos dos socalcos, agora de novo labrados, para a recuperación da sutileza dun viño distinto e distinguido que emula nas catas o prestixio dun “pinot noir”. As uvas xa maduran na Ribeira Sacra; mais a vendima terá que esperar polo menos ó 15 de setembro. Parada de Sil, terra de viños.