A praza da Imprenta e Valentín de Nóvoa

A praza da Imprenta e Valentín de Nóvoa

A praza da Imprenta é unha das de máis soleira de Auriabella, sita na zona sur do casco histórico da cidade e unida á rúa de Colón (antiga Pelouriño) pola banda esquerda e, pola outra, coa da Liberdade. Segundo o artigo 2º do Capítulo Único, Título Primeiro, das Ordenanzas Municipais do ano 1895, publicadas na imprenta de El Eco de Ourense, a praza da Imprenta está integrada no Cuarto Distrito.

A causa do mal estado de dúas casas que se atopaban abandonadas no lateral esquerdo e veciñas á rúa de Colón, foron adquiridas polo Concello e derrubadas, ampliándose no largo case ao dobre, a primeira metade da mesma para dignificar o lugar, instalando unha calzada adoquinada co mesmo estilo da do resto da praza, facilitando así a colocación dunha estatua de Castelao realizada polo escultor Manuel Buciños en 2001. A mediados de trib1_resultxullo de 2009 a estatua apareceu tirada no chan sen ter dano ningún, recolocándose inmediatamente no lugar orixinario. A finais de xaneiro de 2010 volveron a retirala para evitarlle danos ao realizar as obras de adecentamento feitas polo Concello nas fachadas dos edificios derrubados, reintegrándoa ao rematar.

A segunda parte desta praza remata na rúa Liberdade, estreitada á metade porque a outra está ocupada polo solar que antigamente era o colexio de primaria "María Goretti", que cesou a súa actividade hai anos e tiña a súa entrada principal polo número 28 da rúa Liberdade, pero mantiña pola praza da Imprenta a fachada máis interesante. A edificación estaba composta por un baixo e dúas plantas e hoxe en día foi baleirado polo Concello dado o seu estado ruinoso.

O Concello de Ourense, por acordo plenario de xullo de 2009, decidiu  a compra do edificio do Colexio "María Goretti", chegando, no ano 2010, a un acordo coa familia propietaria, ratificando a compra do edificio por 425.000 euros, os 255.000 primeiros se investirían no pagamento da edificación e o resto, na súa rehabilitación. Pero segue sen ser de titularidade municipal debido a un problema dos herdeiros, xa que asinaron todos agás un deles que quedara fora do acordo de venda e se está á espera dunha resolución xudicial. O Concello pretendía facer nel un centro de formación ocupacional.

O Colexio de Avogados de Ourense, na publicación que editou na imprenta de Antonio Otero para o ano económico 1892 a 1893, infórmanos de que Valentín de Nóvoa exerceu a avogacía na rúa ourensá da Imprenta desde 1844.

Valentín de Nóvoa naceu en Ourense o ano de 1823, viviu e faleceu tamén en Ourense o 26 de outubro de 1895, no número 6 da praza da Imprenta, onde lle adicaron unha praca. Ramón Otero Pedrayo cualificouno de "notable e pulcro escritor e xornalista tradicionalista". Fixo os seus estudos da carreira notarial na universidade compostelá. 

Desempeñou durante anos a escribanía de Guerra en Ourense, e despois, ata o seu pasamento, despachou unha escribanía de número no Xulgado de Instrución da capital. As súas convicións políticas mantivéronno dentro do Partido Carlista. Ó intervir na contenda electoral de 1865, declaráronno cesante; o clero, como desagravio, elixiuno o seu habilitado, cargo que, segundo parece, desempeñou gratuitamente durante dous anos. Desde a revolución de 1868 foi secretario da Xunta provincial carlista de Ourense e, despois, o seu presidente. En 1874 perseguíronno polas súas ideas políticas e desterráronno en A Coruña e en Estella. Tiña xusta sona de xornalista. 

Consérvase unha elegante lápida de Valentín de Nóvoa na fachada natalicia súa no antigo número 6 que di: "Aquí vivió y murió Valentín de Nóvoa, infatigable escritor y católico".

Valentín de Nóvoa fundou en Ourense La Voz del País (1869 e 1870), de tendenza carlista, do que non se conservan exemplares, e La Lealtad, subtitulado "Periódico monárquico", de tendencia tradicionalista, católica e tamén carlista, que tiña unha tirada semanal, editado no baixo da praza da Imprenta número 6, onde tamén tiña a súa redacción e administración; publicouse entre outubro de 1892 e decembro 1898. É difícil que se editara despois do ano 1895, dado que foi cando morreu Valentín de Nóvoa. Só se conserva un exemplar (o número 52, do 5 de abril de 1893) no Arquivo Histórico Provincial de Ourense. De Nóvoa amosou o seu ideario carlista con moita paixón e tenacidade, enfrontándose con outros xornais como có chamado El Derecho Ourensán e, especialmente, co xornal celanovés de tendencia republicana El Correo de Celanova (publicado todos os domingos de setembro de 1893 a maio de 1895), que dirixía Luciano Meleiro. Nel apareceron artigos, traballos e composicións de Manuel Curros Enríquez, que lanzou foribundos ataques, alo menos en seis ocasións, contra Valentín de Nóvoa que contestou no seu xornal con despiadadas respostas. Os escritos de ambos son contundentes á vez que críticos.

Na Imprenta Galaica sita na rúa Colón, 16, que era propiedade de dona Pilar Sidarol e rexentada por Ramón Lozano se tiraba ademais El Heraldo Gallego e La Voz Gallega. Este xornal semanal de información xeral en castelán tiña tamén, en Colón 16, a súa redacción e administración; iniciou a súa publicación o primero de novembro de 1874. A primeira casa da dereita da praza da Imprenta, que fai rotonda coa rúa Colón, de tres andares, acolle os servizos económicos do Concello (Recadación, Facenda, Tribunal Económico Administrativo...). Esta praza ten o atractivo especial propio do noso Casco Vello.