Opinión

Rúa San Domingos ou da Corredoira

San Domingos non é a rúa máis antiga de todas as que conforman o cerne do casco histórico de Auriabella, pero si das máis importantes, e tamén foi chamada da Corredoira. Nela mestúranse unha arquitectura subxugante e sociabilidade secular coma poucas, o que fixo que a relación de personaxes senlleiros que viviron nela fora numerosa.

Auriabella tiña varias portas nas principais rúas da cidade, entre elas a da Corredoira (San Domingos) que xa existía en 1314, chamada (en 1507) Porta da Vila. Bernal Pérez de Sampedro posuía unha horta e unha chousa por detrás da Pia da Casca (na actualidade, praza das Mercedes). Esta porta quedou pegada a mediados do século XVII ao convento de San Domingos. Fora dela atopábase o Barrio Novo, veciño ao curral do mesmo convento.

No artigo 2º do Capitulo Único, Título Primeiro, das Ordenanzas Municipais de 1895, publicadas en “El Eco de Ourense”, a rúa de San Domingos está integrada no Primeiro Distrito.

Filomena Dato Muruais viviu en San Domingos, 64, onde se lle recorda cunha placa colocada o 25 de xullo de 1933 e recuperada o 2 de xuño de 2009 co gallo da presentación do libro “Filomena Dato: a poeta galega de entre séculos”, do mesmo autor que o presente texto. 

Vicente Risco morou no 2º andar do número 39, antigo 47, onde morreu o 30 de abril de 1963. Alí exerceu como avogado e estivo a redacción e administración da revista “Nós”. Antón, o seu fillo, viviu con el durante anos. Marcelo Macías residiu no nº 31-1º, e Florentino López-Cuevillas viviu e morreu no nº 10 - 2º.

Outros veciños que enfeitizaron esta rúa foron: o cardeal Fernando Quiroga Palacios, párroco de San Domingos antes de ser o máximo representante da igrexa de Compostela; José Rodríguez Bouzo, catedrático de Agricultura, e o debuxante e bibliotecario provincial Juán Fernández-Xesta.

A casa-palacete nº 17 da rúa San Domingos esquina coa de Alba (hoxe Cardeal Quiroga) era propiedade de Isidoro Temes, casado coa marquesa da Atalaya Bermeja. Construída en 1900 cunha ampla planta de 300 metros cadrados, Jenaro de la Fuente foi o arquitecto. O poeta e sacerdote Antonio Rey Soto era habitual dela ao ser o seu confesor.

Pilar Anta solicitou en 1888 licenza para reedificar a casa número 24 de San Domingos, fronte da rúa de Alba (Cardeal Quiroga), da que foi artífice José Antonio Queralt Rauret, arquitecto municipal ata 1898, ano en onde foi substituido por Vázquez-Gulias. 

A comunidade das Fillas da Caridade, coñecida como Colexio da Purísima, Colexio da Caridade ou Colexio das Monxiñas da Caridade, é unha institución secular ourensá sita no número 32 fronte á igrexa de San Domingos. Sor Sabina sempre será recordada por moitos dos seus alumnos de párvulos. A orixe construtiva non é relixiosa, senon pacega e señorial, de 793 metros cadrados que ocupan tres plantas. Foi edificada pola familia Reinoso con sillería, e alí pasaban os invernos. No centro ten un fermoso xardín e un patio rectangular e amplas plantas. Este afamado colexio feminino comezou a súa andaina neste pazo en 1881. Entre este ano e 1896 foi dona Ramona del Villar Taboada, benefactora das Fillas da Caridade, quen desenvolveu nel as súas ideas educacionais.

As edificacións 18 e 26 da rúa San Domingos son orixinarias do século XVII. A Escola Normal de Mestres, creada en 1844, estivo emprazada no antigo convento de San Domingos. Mentres, en 1903, nesta mesma rúa, estaba a moi nomeada Academia General de Orense, dirixida por Alfredo Abella, que preparaba as oposicións de correos.

O xornal “Piave”, no seu número 43, do 6 de maio de 1905, insire o anuncio “do mellor salón de barbería” da que era dono Cidre, sita no baixo do número 10. No número 60 vendíanse os chocolates de Teresa Feijóo, como sinalaba o xornal “El Eco de Orense”, do 4 de abril de 1900.

Otero Pedrayo informounos da existencia na Corredoira de dúas imprentas: a “antiga e ilustre” de Pazos e outra, en 1838, no convento de San Domingos, que compartiu coa Milicia Nacional.

O mesmo Otero Pedrayo, no seu libro “Orense”, infórmanos que debe o nome de San Domingos ao convento e a igrexa fundados en 1609. A orixe do convento de San Domingos debeuse á disposición testamentaria no ano 1607 do rico indiano Domingo de Araújo, natural de Celanova e residente en Potosí. Eríxiuse o convento en 1643. O convento aloxou no seculo XIX o Goberno. Hacia 1928, o solar do convento foi ocupado pola Delegación de Facenda, imitando o barroco clásico. 

A igrexa, obra de Melchor de Velasco en estilo herreriano, foi inaugurada en 1666. A planta é de cruz latina con cúpula sobre pechinas no cruceiro. A nave principal ten altares dourados e capelas nos laterais, que se comunican entre si con portas estreitas e de pouca altura e nobres sepulcros. Os contrafortes sosteñen a nave central. Son notables o retablo maior, o do Rosario e o de san Jacinto, da autoría do escultor e arquitecto Francisco de Castro Canseco, o Churriguera galego. Actualmente é parroquia co nome de Santa Eufemia do Norte. O seu primeiro Prior -1641- foi frei Luis de Vivero. Nesta igrexa celebrouse o funeral da nai do Libertador da Arxentina, Sanmartín.

A trasformación da rúa San Domingos realizouse durante todo o século XX, especialmente no relativo á desaparición de edificacións antigas; Auriabella non foi unha excepción no afán especulativo, pódese comprobar no derrubamento, entroutros, do edificio número 64, onde vivira Filomena Dato, o que ocasionou a desaparición durante máis de vintecinco anos da placa que a honraba e foi reposta en 2009, na nova edificación existente no lugar primixenio. Case na Praza do Ferro situouse a casa dos Condes de Maceda, coñecida como casa gótica de “Misa de Alba”, relacionada coa capela de Misa de Alba da Catedral, construida polo chantre Yáñez de Nóvoa, logo bispo de Ourense, ascendente do conde. Foi derrubada no ano 1892.

Te puede interesar