Opinión

Anuncios

A maioría da xente achaca parte dos males sociais a ruindada dos políticos. A probreza, a desigualdade, o paro... todo sería por culpa dos políticos. Pero resulta que nunha sociedade democrática os políticos nin caen do ceo, nin soben do inferno: son elixidos polos mesmos cidadáns que os inxurian. É dicir que, en última instancia, os verdadeiros culpables dos males serían os propios cidadáns, cando elixen ós que non deben. Pero, que leva a unha maioría a tirar pedras contra o seu tellado? Pois moi sinxelo: o elevado nivel medio de ignorancia e estupidez da xente, que se vén mantendo practicamente constante ó longo da historia –incluso é probable que teña aumentado algo nos últimos anos-. E iso para nada contradí o espectacular incremento do coñecemento científico e do desenvolvemento tecnolóxico nos últimos cen ou douscentos anos. Porque o saber duns poucos resulta totalmente compatible coa ig- norancia duns moitos; e porque un saber moi especializado pode ir acompañado dunha ignorancia bastante xeralizada.

Polo tanto, estou plenamente de acordo con aquel personaxe de Camus que afirmaba que case todo o mal que existía no mundo viña da ignorancia. E os exemplos desa común burremia e dos seus devastadores efectos preséntanse por centos. Pero quero centrarme nun: na invasión do mundo da publicidade polos famosos. Collamos unha revista ou acendamos o televisor e por diante de nós comezará a pasar un desfile de estrelas, do cine (George Clooney, Nicole Kidman, Brad Pitt ....), da música (Beyoncé, Lady Gaga, Enrique Igle- sias...), do deporte (Nadal, C. Ronaldo, Mes-
si,...), todas convertidas en imaxe de desexo das marcas máis coñecidas. Son ídolos que levan un bo pico dos máis de 500.000 millóns de dólares –atención á cifra- que se gastan anualmente en publicidade no mundo. De feito, a maioría desas estrelas cobra moito máis por publicidade ca polo desenvolvemento da súa profesión; coma Nadal, que hai un par de anos gañaba 6 millóns de dólares nas canchas e 21 por dereitos de publicidade. 

Que necesidade había de engordar aínda máis os astronómicos ingresos de todos estes archimillonarios? Ningunha. Con eses cartos poderían mellorarse as condicións de vida de centos de miles de traballadores do sector da publicidade, que tantas relacións ten co arte, e incluso aumentar o emprego; por non dicir que mesmo a calidade dos productos se beneficiaría, xa que hai sectores nos que o aumento de gastos publicitarios ten obrigado a recortes e despidos noutros apartados productivos, e non é raro o caso de empresas que gastan máis en publicidade ca na mesma producción. Pero claro, loitar contra iso sería espatelarse contra a parede da estupidez humana.

Adam Smith, que non foi ningún revolucionario, senón o pai do liberalismo económico, xa se asombraba no século XVIII da cantidade de xente, a maioría pobre, dada a adorar a riqueza. E escribía: «Esta disposición a admirar, e case idolatrar, ós ricos e poderosos, e a desprezar ós pobres e ós humildes (...) é a principal causa de corrupción dos nosos sentimentos morais»...

Eu, que creo nos xestos, sigo unha regra: por cada famoso que vexo anunciando algo, unha marca que non merco. E congratúlame moito que Russell Crowe se negue a facer publicidade: penso se nesa rebeldía non residirá a capacidade que ten este actor para encher a pantalla como só a enchían os grandes e indómitos actores de antes... Que, por certo, tampouco anunciaban capuchinos, nin perfumes nin calzonzillos. 

Te puede interesar