Opinión

En bicicleta

Hai tempo que desexaba escribir un eloxio da bicicleta, e van alá varios intentos. O último no pasado outono, cando os fríos de novembro recomendaban o inicio do tradicional paréntese invernal do pedaleo. Agora regresou o bo tempo, volveron as bicicletas ás estradas e  retornou a idea do texto pendente.  

Foi Marc Augé, antropólogo francés autor dun libro sobre este tema, quen escribiu que ninguén podía facer un eloxio da bicicleta sen falar de si mesmo. E tiña razón, porque basta pensar niso para que se acugulen na mente centos de imaxes de vivencias nas que a bicicleta foi protagonista das nosas vidas. Talvez nos suceda máis iso ós que temos certa idade, e menos ós novos; porque a bicicleta, por desgraza, perdeu parte da importancia cultural que tivo.

Ninguén esquece como aprendeu a montar en bicicleta, nin as viaxes iniciáticas que fixo montado nela cos seus amigos. Tampouco aquel verán no que  levou sentada no cadro á bonita rapaza que tanto lle gustaba. Son lembranzas comúns que explican o xeral aprecio que sentimos polas bicicletas. Pero se houbera que resumir nunha palabra o que simboliza este velocípede, eu diría liberdade. Non sei no que soñan os rapaces de agora, nin sequera sei se soñan tanto como soñabamos; pero o que sei é que a bicicleta foi para nós unha máxica máquina de soños e de evasións que nos abría a posibilidade de descubrir novos mundos. E en certa medida, pasados os anos, cada vez que un  monta na bicicleta recupera sensacións daquel tempo perdido e feliz que foi o da infancia e da adolescencia. 

Como amante do cine, escribindo disto, non me esquezo de Día de Festa de J. Tati nin de Ladrón de bicicletas de V. de Sica, pero hai dúas secuencias noutras dúas películas que, ó meu ver, reflicten coma ningunhas o carácter liberador da bicicleta: a primeira está en A Gran Evasión, cando un protagonista (James Coburn), despois da fuga, atravesa os verdes campos de Francia en bicicleta e consegue ser un dos poucos evadidos que alcanza a liberdade; a segunda, das mellores da historia do cine, está en E.T., cando os rapaces levantan o voo montados nas súas bicis. A primeira simbolizaría a viaxe que todos soñamos algunha vez, pero que poucos teñen o valor de realizar: a do home que para ser libre sae a coñecer o mundo, pedalada a pedalada, lixeiro de equipaxe e montado na bicicleta da mocidade. A segunda remite a algo profundo e alegórico: á ansia do home por voar, tanto física coma espiritual, na que a bicicleta parece ser paso intermedio e necesario: “Yo sé que tiene alas./ Que volando me lleva/ por prados que no acaban/ y mares que no empiezan”, cantáballe o poeta no exilio á súa bicicleta ultramarina.

Eu aprendín a andar en bicicleta nunha de piñón fixo, na desaparecida fábrica de madeira do señor Arsenio; conseguín sosterme costa abaixo durante uns vinte metros para logo espetarme contra a parede do secadeiro das táboas. Despois, a primeira viaxe iniciática fíxena con catro amigos; para iso tivemos que requisar medio parque móbil da parroquia, pois non eran tantos os veciños con bicicleta; teríamos once ou doce anos; subimos polo Carballiño, baixamos por Barbantes e regresamos a San Clodio por Ribadavia: aínda hoxe penso que foi unha das viaxes máis fermosas das nosas vidas. 

Pouco se parece a bicicleta de hoxe a aquela vetusta Orbea que mercara meu pai como medio de locomoción familiar; noto a falta, sobre todo, do timbre e da botelliña da dinamo co seu foco. Non obstante, cando me lanzo costa abaixo polas estradas da infancia e xogo a cambiar a posición da cabeza, para experimentar os distintos xeitos que ten de zoar o vento, por veces, non estou seguro se quen vai na bicicleta é este home maduro que agora escribe ou aquel neno que agora lembra. 

Te puede interesar