Exames

Xaneiro marca o verdadeiro tempo da invernía. Acostuma ser un mes duro: frío e con días escuros e pequenos, dos que non e fácil saír sen pillar unha gripe ou unha catarreira. Tamén semella ser o máis longo do ano, especialmente cando nunca dá chegado a nómina; porque a verdadeira culpa da dilatación temporal de xaneiro reside, máis ca no frío, nos excesivos gastos do Nadal e das Rebaixas. Así que  este mes o mellor talvez fose acollerse na casa, á beira do lume, e esperar que pasase.

Non obstante, lembro con agarimo os meses de xaneiro da época de universitario, en Vitoria e en Santiago, naqueles marabillosos anos setenta que agora xa me parecen tan remotos. Un volvía das vacacións de Nadal e, ó atoparse de novo cos amigos da universidade, coa calor das tabernas e dos pubs e co ambiente das discotecas, de seguido lle pasaba a morriña da terra natal. Pero todo isto víase favorecido por ser xaneiro un mes de traballo liviá: os exames do primeiro trimestre xa se fixeran en decembro, e agora apenas se comezaba a ver materia do segundo; e se había algunha asignatura cuadrimestral, os exames nunca eran antes de febreiro. En consecuencia, ata despois de Santo Tomás (28 de xaneiro), en Santiago, ou de Santa Águeda (5 de febreiro), en Vitoria (día de moita festa no que mandaban as mulleres), un non comezaba a estudar en serio.

Por desgraza, os universitarios de hoxe non poderán contar o mesmo. E todo por culpa dos enredantes que, hai algúns anos, amparándose no famoso Plan Bolonia, decidiron poñer patas arriba todo o sistema universitario español, calendario de exames incluído. Debe considerarse que os enredantes –nunca antes houbo tantos con mando-  adoitan destacar pola capacidade para entrapallar e para conspirar, pero non polas lecturas, e menos polas de Chesterton, que advertía: «Antes de tirar unha parede, un debería coñecer o motivo polo que fora levantada». 

E ocorreu que nese novo plan todas as asignaturas tiveron que ser cuadrimestrais, e os exames do primeiro cuadrimestre cadraron en xaneiro. Supoño que alguén caería na conta do que iso significaba: condenar ós estudantes e ás súas familias a vivir as festas de Nadal coa angustia que sempre produce a preparación dos exames. Pero, «coa Universidade demos, querido Sancho». Que traballen, que sufran, que se esforcen! E senón que se cambie o Nadal! Pensarían tan magníficas e privilexiadas mentes.

Aínda así, o despropósito do calendario podería desculparse se os resultados académicos e profesionais dos titulados fosen excelentes. Pero non hai nada diso: máis ben todo o contrario. Seguimos tendo un sistema universitario tan mediocre e anárquico coma sempre, ou peor. Pero encima, angustiando e estrullando ós estudantes coma poucos, especialmente nalgunhas carreiras técnicas. 

Desafortunadamente, non creo que isto leve camiño de mellorar. Pero con respecto ós exames de xaneiro, parece que nalgunhas universidades, por exemplo nas de Navarra, se impuxo o sentido común e non se realizan exames despois do Nadal, senón antes. Con todo, este sistema de asignaturas cuadrimestrais (nefasto para moitas especialidades) talvez esixise un desprazamento total do calendario: comezar máis tarde o curso, coma antes, que non comezaba ata outubro, e rematalo tamén máis tarde. Dese xeito, os exames do primeiro cuadrimestre poderían ser en febreiro, e o tempo de clases nos dous cuadrimestres sería o mesmo. Claro que así habería exames en xullo. Pero tamén os había antes. E non por iso os veráns deixaron de ser longos e cálidos.