Opinión

Lotería

Despois de percorrer o anárquico “skyline” do Carballiño, primeiro cara arriba e logo cara abaixo, o sol cerra un novo ciclo anual; volve nacer xusto por encima do grupo de abetos lanzais que, desde a miña ventá, marca o comezo do parque municipal e o paso do solsticio de inverno, acontecemento astronómico que sempre vén acompañado do canto infantil e anxélico dos números da lotería de Nadal. É para min un dos momentos máis deliciosos e melancólicos do ano, sobre todo cando cadra  cunha mañá clara de brancos campos xeados: eu non son un gran xogador de lotería, pero seguiría mercando os meus números tan só para que ese canto dos nenos non se perdera, a lotería seguise tocando e o sol seguise saíndo no auxilio dos aterecidos campos xeados…

A importancia vital do paso do tempo, o mesmo ca do canto dos nenos, resulta obvia para calquera persoa sensible, pero non tanto a da lotería, a pesar da súa transcendencia. E este é, sen discusión, un tempo de lotería. Moitos autores teñen escrito sobre a importancia e o significado deste milenario xogo, desde Xulio Verne a Graham Greene pasando por Álvaro Cunqueiro, pero ningún deles acertou tanto coma Borges no seu celebrado conto La lotería de Babilonia. Esta lotería babilónica, secreta, gratuíta e universal, que reparte premios o mesmo ca castigos,  é, antes ca nada e máis alá do barroquismo da linguaxe borgiana, unha alegoría sobre a importancia do azar na vida dos homes: “la lotería es una interpolación del azar en el orden del mundo”. Trátase dunha lotería administrada, no que ten de administrable, por unha misteriosa e sacerdotal “Compañía” cuxo funcionamento “silencioso, comparable al de Dios, provoca toda suerte de conjeturas”. Pero, en última instancia, conclúe Borges, Babilonia (léase o mundo) “no es otra cosa que un infinito juego de azares”, algo moi parecido ó que considerara un dos seus autores de cabeceira, Laurence Sterne, no Tristram Shandy, que a vida non era máis ca unha “longa procesión de azares”.

Resulta evidente que, nos últimos tempos, os avances no coñecemento e máis na xustiza social tiñan reducido de xeito considerable a importancia da lotería na vida das persoas; pero esta crise devolveunos a ese “país vertiginoso”, do que fala Borges, “donde la lotería es parte principal de la realidad”. Porque o malo non está en ter conciencia do inelutable fondo azaroso da vida, continuamente plasmado na realidade, senón en que ese fondo medre ata inundar a propia existencia… O mesmo Orwell, cando describía a sociedade totalitaria e represora de 1984, novela cuxo carácter visionario nunca rematará de sorprendernos, apuntaba: “a lotería, que pagaba cada semana enormes premios, era o único acontecemento público ó que as proles concedían seria atención”, reflexión bastante acertada, aínda que non prevía a importancia que ían alcanzar os espectáculos deportivos de masas, moi relacionados cos diversos tipos de loterías.

Non obstante, esta centenaria e popular lotería de Nadal que agora xogamos, que é anual, pública e voluntaria, que reparte numerosos premios razoablemente moderados, e que axuda a alimentar as necesitadas arcas da facenda pública, ben está. Serve alomenos, e aí pode que resida a razón do seu éxito, para contrapoñer e incluso para esquecer, aínda que sexa de xeito ilusorio e temporal, a esa outra lotería implacable, tiránica e obrigatoria, tan real coma a vida mesma, da que escribía Borges, esa na que a sorte consiste esencialmente en que os nosos números non saian do fatídico bombo, e en que se saen teñamos a fortuna de recibir unha simple pedrea.

Te puede interesar