Opinión

Vacacións

Chegou o esperado tempo das vacacións. Trátase dun tempo antigo  -a voz vén do latín vacatio, do verbo vacare ‘estar vacante, desocupado’-, pero que antes poucos podían gozar. Así, o dicionario de Covarrubias (1611) entendía as vacacións como algo exclusivamente académico: «los días que se dan de recreación a los estudiantes en las universidades». Mentres, os dicionarios da RAE mantiveron desde a primeira edición de 1739 ata a de 1984 como definición invariable: «Suspensión de los negocios o estudios por algún tiempo». Só a partir da edición de 1985 se engadiu: «Derecho concedido a cualquier persona que trabaja por cuenta ajena, de forma que consiga un descanso periódico sin disminuir evidentemente su retribución». Non obstante, o dereito laboral a vacacións pagadas xa existía. Fora unha conquista do goberno da Fronte Popular de Francia en 1936, pero que non chegou a España ata 1944, cando se estableceu ó dereito a sete días de vacacións ó ano, aínda que a maioría das empresas non os concederon ata cerca dos anos setenta. En 1976 a duración pasou a vinte e un días, e só co goberno de Felipe González, en 1983, se estableceron por lei vacacións mínimas de trinta días. Agora ben, naquela España de vacacións raquíticas para os traballadores, os xefes íanse dous ou tres meses de “veraneo”, outra voz que resulta curiosa cando examinamos o  primeiro significado que tivo no dicionario (1803): «Sitio o paraje donde algunos animales pasan el verano».

De tódolos xeitos, ocorreu un cambio fundamental no concepto de vacacións nos últimos cincuenta anos: pasou de ser o tempo de descanso dos veraneantes, nun lugar fixo e determinado, que normalmente se repetía ano tras ano, a ser o tempo do trasfego masivo de turistas, movéndose freneticamente dun lado para outro, con ansias de viaxar canto más lonxe mellor e de velo todo: un dos mellores xeitos de “vivila vida”, din eles, pero que non é máis có resultado da programada transformación das vacacións en obxecto de consumo da sociedade da diversión. 

A min, cando chegan estas datas, sempre me veñen á memoria Unamuno e Jacques Tati. O primeiro defendía o cambio de aires e, con reparos, as viaxes, pero non só para contalas e dicir que estivemos en tal sitio, que iso as máis das veces non pasa da pura vaidade, senón para recordar e acender con esas lembranzas o apego ás paisaxes da alma, que son fundamentalmente as da terra natal. E preguntábase: «¿Hay algo más ridículo, más molesto y más prosaico que un turista?», para acabar convindo con Leopardi que «conocido el mundo, no crece, antes bien, mengua». «Andar y ver, dicen. Mejor acaso sentarse y esperar», concluía.

De Tati o que me vén a lembranza é a súa película máis fermosa e máis poética: Les vacances de Mr. Hulot (1953). As vacacións soñadas por min posúen as imaxes, o son e a música desa película: as olas rompendo mansamente sobre a praíña con farallóns de Saint Marc sur Mer, e o fantástico tema musical de Alain Romans acompañando... Hai  anos estiven moi cerca desa praia do Loire-Atlantique, en La Baule. Pero non quixen desprazarme ata Saint Marc, lugar de peregrinación turística polo Mr. Hulot de Tati. Acordeime de algo que escribira Proust: «Hai persoas que viaxan para ver cos seus propios ollos unha cidade desexada, imaxinando que no real se pode saborear o encanto do soñado».

Te puede interesar