Opinión

Órdago ao horario do CEIP no Carballiño

¿Qué pasa no CEIP Plurilingüe do Carballiño?

Durante a xornada do día 10 de decembro de 2018, as nais e os pais do CEIP Plurilingüe do Carballiño expresaron o seu desexo de mudar dunha vez por todas un horario decimonónico que impide aos seus fillos un desenvolvemento axeitado na súa formación académica desde hai moitos anos. Nunha votación non vinculante, pero que expresou de forma rotunda a necesidade do cambio de modelo, participou como supervisor da mesma a dirección do centro, coa presenza dos pais que pertencen ao Consello Escolar. Aínda que había outras alternativas de horario, a xornada continuada foi a que recibiu maior apoio.

A maior dificultade é o transporte escolar, que non entende de pedagoxía e pola contra sabe moito de rendabilidade económica. Así o ven demostrando ao longo dos anos, e da mesma forma o veñen sufrindo os numerosos condutores que pasan pola empresa. Cóntanme con tristeza que hai uns 7 anos un dos condutores ríase sen complexos de toda a comunidade educativa cando afirmaba sen rubor: “Estes pensan que o meu xefe lles vai deixar mudar o horario. Van listos”. Pero os tempos cambian paseniño e agora, no mes de setembro e xuño, os alumnos permanecen nas aulas o mesmo número de horas que durante o curso. A competencia entre as empresas de transporte medra e a exclusiva de levar só alumnos acabouse.

As dúas asociacións de nais e pais levan con seriedade este tema e tanto unha coma outra probablemente acaden o éxito desta vez. Un logro do que todos saen beneficiados e que tampouco prexudica aos traballadores do transporte, pero que supón unha apertura a todos os alumnos e alumnas que queren apoiar a súa formación con actividades extraescolares. Moitos centros mudaron ese vetusto sistema de permanecer nos colexios coma se fosen garderías, e todos aqueles que tiñan dúbidas da xornada única, que mantén a hora de comedor, hoxe non volverían ao pasado nin en soños. Un bo aproveitamento das mañás abonda para todas as materias curriculares, e logo os alumnos poidan potenciar outras cualidades que posúen, entre elas as deportivas e as artísticas.

Te puede interesar