Opinión

Anuncios tóxicos

Hai poucos días tiven a oportunidade de conversar cunha persoa que leva na vida pública máis de 20 anos. Dicíame que vivimos nunha sociedade moi complexa. Supoño que debido a diversidade de pensamentos, ideas e comportamentos, neglixencias, estafas, corrupción e mil circunstancias, esta sociedade sofre un retroceso cara unha radicalización, no peor sentido do termo, e está a manifestarse claramente nos rexímenes democráticos, votando a partidos de estrema dereita. Chega con ollar para Brasil sen perder a vista a Francia e Alemaña. Os estremos podemos ubicalos dentro da intolerancia e a falta de consenso cos demais. Actualmente fálase de diálogo sen chegar a acordos, e aínda menos de consenso, polo que todo apunta a que ninguén goza da humildade precisa para ceder ante as teses do oposto, aínda que os obxectivos sexan semellantes.

É constatable que cando unha sociedade é moi numerosa, é imposible agradar a todos, pero sería desexabel que tivese unha educación orientada á formación crítica dos individuos. Saber pensar é saber elexir e para eso damos de novo a benvida á filosofía. Deste modo criticamos con dureza á nosa sociedade, esquecendo que tamén formamos parte dela e influímos nela, positivamente ou negativamente, tendo todos nós un rol importante. O mesmo acontece nos Centros Educativos. Loitar contra uns modelos continxentes que nos entran polos sentidos, é moi complexo. 

Non podo esquecer un anuncio de televisión no que aparecen varias persoas baleirando nas súas cestas de compra, algunhas das liñas dun supermercado sen mirar o que están a mercar. Anuncian até un 80% de desconto nos produtos. Tanto ten o que se queira mercar ou se precise, xa que o obxectivo é encherse de cousas para á casa. Alá van todos os consellos que lle damos aos alumnos!, cando insistimos que o importante non está en ter moitas cousas senón en ser bós cidadáns. 

Os valores da amizade e a xenerosidade cadaquén enténdeos segundo lle convén e teño topado víboras, que ao non poder morder, cheos de retranca e orgullo, pasan a definir como valores sociais positivos, aqueles que eles mesmos practican, como é o caso do consumo compulsivo. Dín que así moverase mellor a economía no futuro. Por fortuna, estos xa non anuncian nada. Ninguén acredita neles. Pero, algo sempre queda.

Te puede interesar