Opinión

As vacas abstractas

Xa hai tempo que conseguín un exemplar de “El libro de las horas”, escrito e ilustrado por Vicente Risco. Este xornal, con bo criterio, ofreceu aos seus lectores unha reedición que sacou á luz a Fundación Vicente Risco no ano 2011, con motivo do 50 aniversario do seu pasamento. Trátase dunha recopilación dos artigos que D. Vicente escrebera en La Región. Estes son tan densos coma breves, e algúns deles chaman a miña atención polo seu título curioso. Así, pareime no titulado “De las vacas abstractas”. Daquela, hai 50 anos, as vacas formaban parte da paisaxe de todos os pobos da provincia de Ourense. “Hoxe xa non pasan por aquí”, contábame un exalumno con certeza e tristura. A día de hoxe resulta máis complicado que antes que un neno vexa de cerca unha vaca. O cheiro ao leite, o muxir as vacas, o separar o becerro da nai e escoitar varios minutos os berros de ambos. Logo, arrincar o esterco..., e tantas outras tarefas do campo, nos pobos da nosa terra, xa forman parte dun pasado próximo, que non foi moito mellor do que nos parece o presente, e que será exponencialmente pior do que nos dará o futuro. Complétase o artigo de Risco con outro artigo: “Pido perdón a la vaca”. Neste pequeno comentario comecei polo final, é dicir, coas características propias da vaca, este animal que foi símbolo de moitos pobos e continúa a ser "deidade" doutros.

Retornando ao comezo, "a vaca de Risco" é exemplo de copia natural por parte dos pintores. Nos anos 60, a arte abstracta era desprezada e rexeitada; por iso escrebe, con retranca, e diríxese aos detractores deste estilo dicindo que non gozan de se erguer tarde polas mañás e desfrutar dos momentos da vida. Os valores interiores, os que non se ven na natureza, represéntanse nas artes doutras formas, que non son as que chamamos realistas. Interpretar a natureza supón un esforzo, pero para expresar as sensacións nun lienzo hai que posuir unhas cualidades innatas das que poucas persoas gozan. Só os que son artistas.

Curiosa defensa da arte abstracta. Falar das vacas. Cousas dun xenio das letras: Risco.

Te puede interesar