Opinión

Descubrindo a Carlos Casares

Non tiven a sorte de coñecelo porque perdín, sen querelo, a oportunidade de escoitalo. Eu, un parviño daquela (como dicía o poema de Manuel L. Acuña), estaba ubicado no frente dunha loita que me lembra a un cómic de Asterix e Obelix, titulado “La gran zanja”, na que todos saen perdendo. Influenciados por diferentes tendencias ideolóxicas en canto a escreber o galego coa grafía portuguesa ou coa que temos, as relacións persoais foron en decadencia e demasiados casos remataron en desacordos e problemas de entendemento, que nunca se chegou a resolver con éxito e rigor. Polo visto, nunca era o momento axeitado. O ensino en galego comezou a dar tumbos desde o inicio, e nesas estamos, mentres os amantes e defensores da lingua galega militaban cruzadas que non achegaban á concordia e a convivencia. Na actualidade xa podo facer como Carlos Casares cando deixou os seus prejuicios contra Carmen Llorca e leu a biografía que a autora escrebera de Isabel II. Conta que lle gustou e case podo intuir que lle pesou non dar o paso adiante moito antes. Así, nunca é tarde para descubrir a obra de Carlos Casares e mergullarnos na súa biografía, tal como nos achega Denís Vicente no seu libro publicado por Ir Indo. Nel recóllense varios episodios nos que Casares foi expedientado por escreber obras contrarias ao réxime franquista e mesmo pasou alguna noite na cadea por organizar palestras sobor da falta de liberdade de expresión en Ribadavia. Recoñezo que estes datos sorprendéronme moito e ao mesmo tempo axudaron a leelo con máis coidado e atención.

Os amigos de Carlos Casares posuen un cúmulo de anedotas que sempre teñen interés, pero as consideracións do seu irmao Xavier, que conviviu con el nos momentos máis intensos, son de especial relevancia. Fillos dun mestre de esquerdas, os Casares tiveron unha formación nos valores da vida difícil de imitar, e por outra parte determinante á hora de se desenvolver neste mundo de enganos, envexas e totalitarismos. Finalmente, os estudos no seminario (daquela non había outra cousas para os pobres), e a sorte de toparse cun profesor que lle abrira portas á cultura grecolatina, fixo que Carlos Casares potenciase o seu saber creador na literatura. E sempre elexiu o galego.

Estou seguro que este libro que presentaron o pasado venres no Liceo de Ourense vai cumplir a súa labor de divulgación. Para os estudosos de Carlos Casares hai outras obras moito máis extensas, pero para os que chegamos tarde e quixemos descubrilo nestes tempos, cubre as expectativas propostas polo editor e serve de incentivo para disfrutar dos seus libros ao desvelarnos a súa vida. Carlos dicía nunha entrevista publicada no xornal La Región que non lle importaba nada do que acontecera despois da súa morte. Penso que é a mellor resposta á pregunta que lle formulaba o periodista, cando lle dixo: "¿Ha pensado en escribir su epitafio?".

Te puede interesar