Opinión

Historias de Ourense

Son moitas as cousas que os ourensáns coleccionan, e aínda que lles chame a atención aos seus, non sempre teñen a continuidade que lles gustaría. Libros, selos, moedas, calendarios, e un longo etcétera enchen os faiados e as garaxes das casas, ocupando un espazo necesario para outras cousas. Noutros casos, a ausencia de herdeiros fai que os propietarios das coleccións busquen saída á inversión que os seus ancestros fixeron no seu día, seguindo os consellos dalgúns comerciantes que lles aseguraban “un negocio redondo”. Chegado ese día a situación é tan diverxente como o día e a noite, e resulta moi complexo colocar no mercado estes produtos, o que nos leva á conclusión de que o negocio resultou bastante máis rentable para o vendedor, que para o infeliz inversor. Con todo, o disfrute de posuír unha colección singular, feita con coidado e baixo uns parámetros coherentes no tempo de lecer, non ten prezo.

Neste contexto quero destacar a colección de selos de Luis Mouriño Castro, natural de Lugo e comandante de Enxeñeiros, destinado en Ourense desde 1949. Ao longo dos anos foi recollendo selos de España, Venezuela, Cuba, Colombia, Marruecos…, e gardándoos en caixas de puros que tanto estiman os filatélicos. A cada un dos seus fillos deulles un pequeno caderno para que fosen facendo a primeira colección desde a infancia. Certo foi que eles tiveron outros gustos e percorreron outros camiños diferentes ao coleccionismo, poren a súa filla Margarita Mouriño (amiga da Asociación de Amigos da Catedral de Ourense, e amiga miña desde hai máis de 20 anos), conservounos con esmero nunha maleta de pel marrón. Neste pasado mes de xuño ofreceumos con xenerosidade para poder usalos cos meus alumnos nas clases de Atención Educativa, no comezo dos seus andares pola filatelia. Por iso, desde este pequeno recuncho, ademais de agradecerlle o seu presente, quero felicitala pola súa preocupación de darlle saía a un material que pode ser útil para os demais.

É posible que esta historia se repita noutros casos e fique no esquecemento. Porque desde sempre o corazón dos ourensanos caracterizouse pola xenerosidade, e o número de doazóns ás institucións da provincia, sempre foron e seguen sendo numerosas, salvo claras excepcións que seguirán na mente de todos por moito tempo. Pois estas son algunhas das cousas que acontecen en Ourense, onde case todo vai saíndo á luz paseniño. E entre todas esas cousas boas, quédome co tempo de compartir, de conversar e disfrutar das persoas que aprezo, e que enchen todo coa súa presenza.

Te puede interesar