Opinión

Únete pola educación

Unha vez máis sae á luz o debate sobre o sistema educativo e o estado da educación. O recén estreado secretario xeral de Podemos, afirma con pasmosa serenidade que vai suspender todos os convenios coa rede de centros concertados, para deixar só aqueles que demostren posuir unha innovación educativa de especial interés. E aínda que non vou ser eu o que defenda a doble rede de centros existente que nos asfixia economicamente, nunca acreditarei nas solucións traumáticas que camiñan paseniño contra a actual Carta Magna, que logrou un entendemento no periodo máis próspero de toda a nosa historia. Para levar adiante esta proposta dunha rede única de centros educativos, teríamos que aventurarnos a rachar cos convenios das diferentes confesións relixiosas, incluido o famoso concordato coa Santa Sede, e mudar varios artigos da Constitución. Mentres iso non aconteza, todo é fume branco.

Unirse á educación pasa por distinguir os diferentes estratos da sociedade, poñendo en valor cada un deles na medida que inciden no proceso educativo. Algúns están bastante esquecidos, como a familia; outros desprezados, como as escolas e os institutos, e os últimos que fican desacreditados polos casos de corrupción, como os sindicatos, forman un contubernio impropio destes tempos. Neste punto, hai que salientar que os sindicatos nacionalistas, son como un grupo de románticos que sempre reivindican o duplo dos dereitos, para conseguir só as migallas do que os sindicatos de clase deciden nos ministerios a nivel de todo o Estado. Por outra parte, a vida sindical no ensino está vinculada á liberación da docencia directa, e sempre aparece algún aproveitado que bota por terra o traballo de todo un colectivo que loita polos dereitos e deberes dos docentes. E non encontro mellor forma que acadar dereitos que loitando por que se cumpran os deberes. Por iso, quédome coa idea do título deste artigo, tomado da Federación de Traballadores do Ensino, no que se integra a memoria daquelas mestras e mestres da ATEO, que ofreceron as súas vidas por estar unidos pola educación. 

Cando a insensibilidade se asenta na comunidade educativa, as consecuencias son a longo prazo, pero as solucións tamén. O profesorado carece dun Estatuto da Función Docente e sinte a traxedia que supón un cambio de Lei Orgánica de Educación cada pouco tempo, sobre todo naqueles alumnos que precisan unha atención especial. Ao non existir un Pacto pola Educación, polo cal se obrigue a renunciar aos diferentes partidos políticos a fomentar un pensamento único en cada caso, aleccionando aos futuros integrantes da sociedade cos seus mensaxes propios, non hai maneira de conseguir unha escola na que os valores democráticos penetren a través de debates enriquecidos coa pluralidade, que de entrada puidera parecer continxente. Os docentes non son os protagonistas do proceso educativo e serven até para vixiar o transporte escolar que, en demasiados casos, hipoteca de modo totalitario o horario dos centros de ensino. Por todo iso, debemos unirnos pola educación. Unha nova etapa pode comezar se coidamos de que o respecto e a autoridade dos docentes sexa gañada por eles mesmos, de abaixo até o cumio, co diálogo entre todos os estratos integrantes na construción dunha sociedade de excelencia.

Te puede interesar