Opinión

A Revolta Irmandiña

D urante o mandato de Enrique IV (1454-1474), un dos reinados máis polémicos e conflitivos ocorridos na época baixomedieval, a cidade de Ourense, ao igual co resto de Galicia, foi escenario de graves acontecementos que deixaron a súa pegada na historia medieval.

O conflito ou Revolta Irmandiña do ano 1467 reflexa, de xeito claro, o evidente malestar existente na sociedade civil daquela época; así, tanto os habitantes das cidades como os campesiños tomaron partida común contra os graves abusos cometidos por parte da nobreza e do alto clero contra as capas máis humildes, consistentes en variados abusos e atropelos que fomentaron a creación de asociacións para a defensa dos afectados.

A nosa cidade, ao igual que outras moitas de Galicia, solicitaron do citado monarca a aprobación e constitución das denominadas irmandades, co fin de pór remedio contra o desmando dos  poderosos contra as xentes máis modestas.

Moitas eran as posesións dos nobres ao igual co alto clero. A fortaleza de Castelo Ramiro, en Ourense, dende a súa fundación foi patrimonio dos bispos da cidade, sendo estes ou os seus alcaides os encargados de impor o seu dramático e penoso xugo sobre os sufridos cortesáns e xentes máis pobres da cidade, a pesares das continuas protestas por parte do Concello contra estes frecuentes abusos, quedando demostrado nas trece querelas presentadas no mes de maio do ano 1440 contra a mitra, nas que se describen as diversas e variadas falcatruadas efectuadas polos moradores do odiado castelo, consistentes fundamentalmente nas numerosas molestias exercidas contra os labradores do contorno da fortaleza así como as aportadas polos veciños da cidade, chegando ao extremo e abuso de: “darlle coiteladas e roubar a fariña que traían dos muíños do Barbaña”. Pese a todo, a man dura do bispo seguiu a exercer o seu poder ditatorial. 

A Revolta Irmandiña ou dos irmandiños acolleuse en Galicia con grande entusiasmo, comezando a actuar á maneira das de Castela; isto é, organizando xuntas en todos os pobos e comarcas, cos seus alcaldes e cuadrilleiros ao fronte. Pero será no mes de abril do ano 1467 cando prodúcese na nosa comunidade un levantamento xeral contra os magnates feudais, agrupándose os sublevados en grandes exércitos ca misión de asaltar e derrubar os castelos considerados como os odiados símbolos do poder da nobreza mailo alto clero. Así, máis de 130 fortalezas de Galicia foron asaltadas e moitas delas totalmente derrubadas como, entre outras, o odiado Castelo Ramiro, arrasado con tanta saña que non quedou del máis co seu nome.

Nas filas deste exército popular figuraban burgueses, campesiños e membros de corporacións eclesiásticas oprimidas polos prelados. Ao seu fronte puxéronse algúns nobres afrontados cos seus por razóns persoais diversas. O alzamento contra os nobres  foi tan xeral que moitos deles víronse na obriga de buscar refuxio tanto en Castela como no país veciño, Portugal.

A concordia selada en Guisando entre o rei de Castela e máis a liga nobiliaria permitiu o inicio da reconquista e posterior derrota das tropas irmandiñas, no ano 1469, iniciándose de seguido unha feroz represión señorial que obrigou, en moitos casos, á reconstrución de algunhas das torres e fortalezas derrubadas, como a de Castro Caldelas, Manzaneda ou Vilanova dos Infantes, entre outras. Algunha delas, tras a súa reedificación, perderon a súa utilidade militar, transformáronse en pazos ou casas grandes, actualmente algunha delas, trala oportuna restauración, convertéronse en casas destinadas ao turismo rural. 

Outras irremisiblemente perdidas e abandonadas pola desidia dos seus propietarios, arruináronse chegándose a utilizar as súas pedras como canteira ou empregadas na construción das propias casas da bisbarra. Por última, outras, de xeito desafortunado, chegaron a un estado tan avanzado de ruína que delas só queda a súa lembranza reflectido no nome adaptado á toponimia local. 

Te puede interesar