Opinión

Contar historias por necesidade

A realidade do actor é moi ampla, e non todo -nin sempre- son papeis e escenario. Melania Cruz di sentirse obsesionada co traballo, “son moi perfeccionista”, tamén co IVE cultural, “un crime, a industria cultural hoxe está sometida, moitas compañías están desaparecendo”.

A lucense Melania Cruz é actriz de teatro, nótase, na expresión, nos xestos, na forma de desenvolver certos movementos. Por momentos –a min mo parece- semella distante, como se o seu pensamento seguira atrapado no universo tráxico do “O Home almofada”, de Martin McDonagh, que andan a representar; quizais pola distancia que existe entre os desexos, as cousas que estás a facer e as que che gustaría chegar; quizais a sesión -non creo-, o maxestoso Liceo Ourensán, onde hoxe toca, un fermoso escenario para ocupar unha tarde de inverno.

Melania, tamén gozosa, cando lle lembras o papel da Raxada na Esmorga, que lle acercou como actriz ao mundo do cinema, “unha oportunidade estupenda, cuns profesionais excepcionais, eu nunca fixera cine, a verdade é que che abre outras perspectivas na interpretación”, comenta. Ten inoculado o veleno da interpretación, aínda que “cos anos”, así o di, cada vez lle custe máis desprenderse da familia, das amizades. O teatro esixe moito, “non se pode parar, sempre hai que estar formándose”.

A sesión, tranquila, amable. Melania ten un atractivo natural que sabe mostrar, expresar sen estridencias, e iso é de agradecer.

Te puede interesar