Opinión

Castelo do Castro, en O Barco

Ergueitos sobre altas montañas e outeiros desafiando o paso do tempo, os castelos e as fortalezas, así como as fachendosas torres do medievo, durmidas durante séculos, son mudas testemuñas dunha historia xa pasada na que as envexas, ambicións e falcatruadas atopábanse presente entre os nobres, sempre cobizosos de poder en detrimento das clases máis humildes.

Falar dos castelos existentes na provincia de Ourense é repasar a historia medieval dos seus protagonistas: nobres, reis, bispos ou loitadores pola liberdade como no caso dos Irmandiños; é como dar un repaso polo miúdo á nosa historia. O paso do tempo encargouse de acalar o espírito belixerante de toda esa pasada época turbulenta. Pouco resta na actualidade de todas aquelas construcións defensivas e fachendosas ergueitas sobre altos rochedos das que resta, nalgúns casos, as súas abandonadas silentes ruínas, murallas ou torres espalladas ao longo e ancho de toda a nosa provincia.

O rei Alfonso XI concedeu o señorío de Valdeorras ás familias nobres residentes no Castro. A finais do século XV os Reis Católicos cedérono aos condes de Ribadavia en agradecemento pola súa participación na conquista de Granada, pasando posteriormente as mans do marqués de Villafranca, sendo o castelo, a mediados do século XVI, unha das fortalezas máis importantes de Galicia, reforzada ou guarnecida, no ano 1652, por mor das guerras co noso veciño país, Portugal.

No Castro de Valdeorras consérvase os restos da cuadrangular torre do homenaxe pertencente á fortaleza que albergou, ata mediados do século XX, a cárcere do partido xudicial. No século XII a fortaleza tiña por misión garantir a seguridade no camiño de entrada a Galicia.

Os condes de Lemos, o marqués de Villafranca e máis os condes de Ribadavia, dende o século XVI, foron sucedéndose na titularidade do castelo con sede no Castro. No decurso do XVII participou nas guerras contra Portugal utilizándose o recinto defensivo como acuartelamento de tropa e xa, a partires do século XVIII, perdeu a súa importancia estratéxica encomezando a súa imparable decadencia, ruína e abandono.

No ano 2010 o Concello de O Barco iniciou os trámites para a rehabilitación do monumento con cargo a Cultura. Unha vez acadada a subvención económica iniciáronse as obras que deron remate no decurso do 2013.

Unha segunda fase, por un importe de 345.263 euros, tenta a rehabilitación do entorno do monumento cun interesante proxecto consistente na colocación dun chan de granito situado no recinto interior da muralla, seguindo unha liña similar á desenrolada no entorno da torre, engadindo ademais unhas gradas, do mesmo material, no acceso sur ao recinto. Igualmente o proxecto inclúe a instalación dos necesarios elementos de iluminación tendentes ao resalte dos puntos máis importantes do recinto histórico: a entrada así como o acceso que percorre a muralla.

O conxunto monumental de O Castro, cos restos de vivendas prerromanas; a torre do homenaxe do castelo fortaleza medieval, situada entre muros, máis o perímetro da muralla primitiva, constitúe unha magnífica plataforma exploratoria sobre o núcleo urbano do Barco, ademais de ser un excelente miradoiro sobre o cercano río Sil. O conxunto conforma un dos elementos máis destacados de atracción turística existente no concello valdeorrés.

Te puede interesar