Opinión

Castelo dos Arauxo na Vila

Castelos, torres e fortalezas atópanse espallados por toda Galicia vixiando e ollando toda a nosa fermosa terra. Mudas testemuños da nosa historia, mestúranse neles feitos de armas, defensa contra as invasións, dominios e imposicións intolerables e foron lugares de acollida así como de sucesos que ocasionaron a súa posterior destrución e derribo. 

As fortalezas, torres e castelos asentaron as súas raíces sobre amplos horizontes, nalgúns casos sobre vellas citanias celtas situadas en altos rochedos. A maioría construíronse durante o período da Idade Media, outros sufriron modificacións ou botaron a construírse de novo entre os séculos XVI e XVIII, con ocasión da súa desfeita durante a Revolta Irmandiña 

Un feito importante, polas súas nefastas consecuencias, foi a guerra entre a nobreza maila xente máis humilde. Así, a denominada Revolta Irmandiña ou Rebelión dos Irmandiños, feito acontecido entre os anos 1467 e 1469, estendeuse por toda Galicia, participando de xeito unido campesiños, artesáns, cregos e burgueses, todos contra o abuso, extorsión, rapina e violencia exercida polos señores feudais, o que ocasionou o derribo de moitas das odiadas posesións en man dos nobres e poderosos. Castelos e torres sufriron as iras dos máis oprimidos, pero será en definitiva a causa da súa definitiva extinción o decreto dos Reis Católicos prohibindo a ergueita de todo tipo de construcións de tipo militar.

Os restos do destruído castelo dos Arauxo na Vila, en Lobios, atópanse no término da parroquia de San Martín de Arauxo. Foi edificado no século XII, de xeito similar a moitos do existentes en Galicia. Ergueuse sobre un asentamento roqueiro erixido nunha zona que contaba con boas defensas naturais, reforzadas por murallas, torreóns así como un foxo escavado na rocha. Co paso do tempo, no século XV pasou a súa titularidade a mans dos condes de Monterrei, sendo probablemente destruído durante a segunda guerra Irmandiña, a finais do século XV. 

Pola súa privilexiada situación fronteiriza, xogou un importante papel no decurso da guerra da Independencia do veciño país portugués, deixando de existir polo seu abandono debido fundamentalmente as actividades agrícolas e forestais existentes na zona. Durante o ano 1991 realizáronse diferentes sondaxes arqueolóxicos no lugar de asentamento sen atopar restos significativos.

O acceso ao asentamento do castelo, dende Lobios, obriga tomar a estrada provincial OU-1202 en dirección a Muíños, deixando a man esquerda o curso de río Limia. A tres quilómetros aproximadamente, unha vez abandonado o coche, por un sendeiro de terra accédese ao que actualmente resta do que foi a fortaleza.

Te puede interesar