Opinión

Cruceiros do cemiterio de San Francisco

Dende os inicios do cristianismo os soterramentos dos católicos efectuáronse en lugares sagrados pola consideración cos corpos en graza eran templos de Deus. No transcurso dos séculos e xa contando a comunidade cristián con recintos propios para a celebración dos seus cultos estes soterramentos efectuáronse no interior dos mesmos e cando o número foi excesivo nos seus propios adros.

Os nosos primeiros cemiterios ourensáns foron: adro da igrexa da Trinidade, praza da Madalena, Alameda do Concello e no Xardín do Posío; nembargante a partir da Real Célula do 3 de abril do ano 1787 e Célula do Consello Real, do día 30 de xuño do 1814, prohibíronse no interior das igrexas polo que cumpriu a busca dun terreo para o emprazamento dun novo cemiterio, lugar que recaio na aba de Montealegre. Foi a comunidade franciscana a doante do solar, pasando ese a propiedade do Concello de Ourense, segundo consta documentalmente nun escrito datado o día 20 de xuño do ano 1983. Debido aos necesarios arranxos para o seu acondicionamento o concello pediu instrucións ao señor bispo da sé ourensá, Dámaso Alonso, quen contestou textualmente o día 25 de xuño do 1823, dicindo, entre outras cousas, o seguinte: “Que se ponga en medio una cruz de piedra y delante de ella una mesa de piedra sobre la que se pueda posar el cadaver mientras se canta o reza algún responso”. “Pero esto no lo considero absolutamente preciso, y sí decente”.

Unha vez traspasado o acceso de entrada encóntrase o cruceiro que hoxe nos ocupa. A primeira vista apreciase o esquecemento do pousadoiro. Trátase dun exemplar de non gran valor artístico, pero si, apréciase  a súa calidade de enxebre. Consta dun basamento formado por unha plataforma de sillería, parcialmente soterrada, seguido dun pedestal en forma octogonal. Sobre este érguese a columna ou fuste, de tipo monolítica e sección octogonal cos seus extremos resaltados.

Os primitivos cruceiros tiñan falso capitel suplindo este o extremo superior da columna que agrandada lixeiramente adquire a forma cadrada. A parte inferior da cruz ten as mesmas medidas e ámbalas dúas ensámblanse entre si con argamasa, como no caso do cruceiro que comentamos. A cruz, estriada contén a cartela de INRI no lado anverso así como un pequeno disco solar no reverso. O Cristo, situado ao poñente, moi sinxelo, atopándose situado no medio da cruz, non colgado dela. A cabeza tena apoiada sobre o ombro dereito, tendo ambas mans abertas cos dedos xuntos. O pé dereito monta sobre o esquerdo e ámbolos dous apóianse sobre o remate da columna. O cruceiro alcanza dende o chan unha altura de seis metros. Na parte superior da columna e ao seu arredor lese a seguinte inscrición: “Se colocó en el año l834". Seu autor ou autores puideron ser: Manuel Placios ou Manuel Moreira, ambos mestres canteiros contratados polo concello para rematar as obras do cemiterio, o día 10 de marzo do ano l834, entre as que figuraba a feitura e colocación do citado emblema de Galicia1.

No terceiro cadro do antigo cemiterio, xunto  ao paso transversal, érguese o segundo dos cruceiros que conta o noso camposanto. Partindo de un impreciso e parcialmente soterrado pedestal érguese a lisa e cilíndrica columna. Esta encóntrase rota pola súa metade sendo malamente reparada. O capitel, sobre o que descansa a cruz non parece concordar co estilo da mesma por ser claramente modernos, circunstancia confirmada pola data gravada sobre o mesmo, o ano l880. Este detalle é moi típicos dos cruceiros máis vedraños.

É moi frecuentemente a carencia de datos relativos á causa da construción destas piadosas obras, autoría e data da súa ergueita o que fai difícil a súa xusta valoración ou catalogación. O de hoxe, a  pesares da falta de información, unha serie de circunstancias parecen confirman a miña tese referente ao seu estilo arquitectónico; así por tratarse dunha cruz de paus rectos cos extremos dos brazos rematados en forma floral decorados con botón central, non dubido en encadrala dentro do estilo gótico, pero aínda hai algo máis que confirma a anterior clasificación aportada polas tallas escultórica, tanto da Nai de Deus como do querido Fillo, de clara filiación gótica, ámbalas dúas baixo doseletes ou umbelas.

O estilo gótico non encaixou con moita forza na esencia cultural galega, tan por contra có románico; así namentres en pleno desenrolo do gótico, aínda persistía o vello estilo medieval na península ibérica seguido por moitos mestres canteiros.

No l880, cando cumpriu a ampliación do cemiterio, debeuse de tomar a cruz doutro lugar; non sería aventurados asegurar, que quizais proveña do desaparecido e cercano convento de San Francisco e, unha vez colocada sobre a columna, instalouse como cruceiro no emprazamento actual.  

Por último non quixera deixar de lembrar as verbas que sobre estes cruceiros nos deixou escritas o Patriarca das Letras Galegas, don Ramón Otero Pedrayo: “Os Cristos do cemiterio, os mellores amigos dos  defuntiños”.

Te puede interesar