Opinión

Fortaleza catedral de San Martiño

A Catedral Basílica de San Martín de Tours é de estilo románico oxival; iniciouse a súa construción a mediados do século XII continuando os traballos durante o XIII; engadidos construtivos posteriores responderon ás esixencias do gusto imperante en cada época polo que actualmente nela mestúrase, en perfecta harmonía, o románico co gótico, o renacentista co barroco e o máis recente o neoclásico. A enorme construción destaca, de xeito notorio, polo seu aspecto ou carácter de fortaleza reflectido tanto nos seus catro torreóns situados na cara norte e sur; nas ameas, nos pasos de rolda ou nos signos distintivos característicos do poder feudal e relixioso do máximo representante da sé episcopal ourensá, o bispo. A existencia desta fortificación relixiosa documentase ao longo dos séculos XIV e XV, períodos especialmente virulentos polas frecuentes loitas señoriais tanto polo goberno e defensa da cidade como contra as forzas invasoras, sen esquecer por outra banda, o xusto desexo de liberdade reclamado polo nacente concello contra o poder ditatorial do bispo 1.

Dende a súa orixe concibiuse como catedral fortaleza polo que contaba dende finais do século XII e comezo do XIII de torres e fortificacións defensivas estendidas polas bóvedas da nave do cruceiro sendo aínda na actualidade visibles partes delas dende o exterior, iso si, parcialmente modificadas polo asentamento do tellado sobre todo, a situada na fachada norte como consecuencia do seu derrube acontecido no ano 1471, tralo enfrontamento entre o conde de Benavente  e o de Lemos, e máis tarde polo engadido posterior da torre do reloxo, no ano 1693. Este complexo defensivo coñecíase pola denominación xenérica de Fortaleza da Igrexa ou Bóveda da Igrexa, tendo acceso ás torres, sen modificación a traveso dos séculos, mediante sendas escaleiras de caracol, iluminadas por ocos moi decorados cara o interior da basílica, con acceso a través de dúas pequenas portas situadas respectivamente no lado norte e sur dos brazos do cruceiro. As catro pequenas torres cilíndricas, parcialmente mutilada a situada na fachada sur, rematan en grosos contrafortes apoiadas sobre unha serie dobre de capiteis ménsulas habilmente decorados con follas decoradas con bolas, de xeito bastante semellante ao modelo existente na Catedral de Santiago de Compostela.

Tralo decreto do Concilio de Trento, 1545-1549, no que se prohibía expresamente a ergueita de elementos defensivos nos templos sumado ás disposicións dos Reis Católicos deuse remate a este tipo de construcións relixiosas militares entrando a formar parte delas outros elementos de carácter máis decorativo, monumental ou utilitario, como no caso da torre do reloxo ou a incompleta de San Martiño.

Te puede interesar