Opinión

Gulías, mestre do modernismo

A historia atopase repleta de singulares persoeiros que ao longo dos séculos deixáronos relevantes mostras tanto dos seus coñecementos como do seu bo facer profesional a traveso de todas aquelas obras ca súa maxina soubo reflectir. 

A historia da arquitectura é complexa e, nalgúns casos, pasa de puntillas sobre algúns persoeiros ou figuras pouco coñecidas fora do ámbito das grandes cidades ou capitais de núcleos urbanos deixándoos inxustamente de lado cando todos eles polas súas obras foron merecentes de acadar a categoría de grades mestres. 

O noso Ourense medieval mantivo a súa feitura construtiva orixinal ata ben entrado o século XIX, como aínda pódese demostrar mediante un paseniño paseo polo mal denominado casco histórico, en lugar de casco vello como realmente lle corresponde; deste xeito permitiranos saborear e apreciar o pasado da nosa cidade mediante a observación do trazado das diversas, vellas e estreitas rúas. Outras obras posteriores, datadas no século XVI, amosan o seu florido pasado histórico a traveso da súa feitura: casas marcadas polo estilo gótico florido ou do renacemento, algunhas delas decoradas con diversos signos nobiliarios dos seus moradores como as fermosas pedras armeiras que ennobrecen as graníticas fachadas das casas nobiliarias ocupadas, nalgúns casos, actualmente por institucións emblemáticas como sucede ca sede do Liceo de Ourense ou a Confederación de Empresarios de Ourense.

Como xa dixemos, a cidade das Burgas ata o século XIX conservou o seu trazado viario medieval con cativas prazas pavimentadas con “coios” ou “pelouros” provenientes do cunca do río Miño. As casas erguíanse, na maioría dos casos, con dous andares; as máis sinxelas, construídas en “pallabarro” rodeadas por abundantes espazos dedicados ao cultivo horta na que abondaban as árbores froiteiras, así como as legumes, todos elas protexidas por fermosos emparrado de vides. Mediado este período de tempo será o ciclo do cambio no que a cidade de Ourense experimente, de xeito notable, unha completa transformación da súa fisionomía urbana. Factor fundamental e de progreso será, por unha banda, a apertura das novas vías de comunicación, como a denominada “Nacional de Villacastín a Vigo”, máis coñecida popularmente como a “Carretera”, actual rúa de Progreso, acabada no ano 1863. Nela ergueuse, no 1840, a primeira construción dedicada a fonda e punto de postas axiña acompañada de novos e modernos edificios que testemuñaban tanto o poder político como económico dos seus propietarios, bo exemplo o constitúe o edificio do Hotel Roma, a fábrica de fiados dos cataláns, ocupado actualmente polo Pazo Provincial da Deputación, o Hospital de San Roque, a Escola Normal de Maxisterio así como de diversos outros dedicados a grandes almacéns: Felipe Santiago, Simeón e Fábrega.

Outro factor decisivo na expansión do espazo urbano e fortalecedor da nacente e puxante economía urbana o constituirá a posta en escena do problemático trazado do ferrocarril cara a Vigo, inaugurado o día 31 de marzo do ano 1881, tan demandado e reivindicado pola cidadanía daquela época, tantas veces castigada pola marxinación dos gobernantes de Madrid; curiosa repetición do devecer histórico actual en relación ca esperada chegada do AVE a Ourense. 

A nova sociedade emerxente axiña esquece a vella tradición comercial adaptándose os novos tempos redefinindo vellos conceptos e formas preparándose cara a un mellor servizo en relación co consumo cada vez máis crecente dunha vila que se transforma, cada día, nunha puxante cidade moderna. 
O importante peso do sector almacenistas e de quincalla que engrosa a colleiteiros e menestrales en relación cas actividades relacionadas co comercio maila agricultura constitúe un claro reflexo da forte vinculación existente entre a capital ourensán mailo seu entorno rural. Desta circunstancia xorden grandes almacéns de coloniais que abranguen unha grande gama de tendas nos que subministrase ao consumidor tanto produtos de alimentación como de téxtil. A puxanza desta nacente actividade comercial atopa a súa maior expresión na proliferación de importantes construccións que acollen nos seus baixos os grandes almacéns, ocupando os pisos superiores as vivendas dos seus propietarios.

Nesta faceta constructiva é onde mellor se encadra a faciana profesional do noso arquitecto Daniel Vázquez-Gulías Martínez, nado na vila de Beariz o día 30 de agosto do ano 1869 e finando na cidade da Coruña, no 1937, en pleno decurso da Guerra Civil. Polifacético, grande mestre da arquitectura modernista, coñecido melómano que soubo aproveitar o seus múltiples viaxes a través de Europa para a asistir a numerosas funciones, tanto de ópera como de concertos, sen esquecer, por outra banda, a adquisición de coñecementos precisos sobre arquitectura da época, visitando todos aqueles edificios e monumentos máis singulares, foi o inicio da súa fulgurante carreira profesional.

Tremendo namorado da súa terra e home adiantado ao seu tempo, soubo amosar un enorme cariño por todo o seu, potenciando todos aqueles nosos valores tradicionais, no só a nivel arquitectónico, senon, incluso, ca posta en alza de explotacións comerciais que tiñan como base a materia prima viva que extraía das numerosas viñas existentes na comarca do Ribeiro. O pouco coñecido como “Gran Champagne Gulías”, creado no ano 1919, serviu como promoción da nosa Galicia cara o exterior; ademais, ca elaboración e degustación deste viño espumoso natural “achampañado”, de exquisito “bouquet”, debeu brindar a feliz conclusión de moitos dos seus numerosos e modernos proxectos arquitectónicos felizmente solicitados pola nova burguesía emerxente, optimista e satisfeita, que sentíase orgullosa do seu progreso económico amosando cara á cidadanía a solvencia económica da súa “Casa” ca ergueita de edificios singulares, atopando en Daniel Vázquez-Gulías o arquitecto axeitado ás súas pretensións, proxectando e deseñando unha serie de interesantes edificios nos que demostrará o seu bo facer tanto profesional como humano. Bo exemplo o constitúe a promoción racional de recursos como o termalismo a traveso de edificacións singulares como o deseñado como hotel, finalmente dedicado a casa comercial Olmedo, máis coñecida como Alfredo Romero, a casa de baños do Outeiro, o balneario do Carballiño, Cabreiroá ou o gran Hotel Balneario da Toxa, en Pontevedra. 

Por último non debemos esquecer a importante achega do mestre - arquitecto en relación co seu labor no eido, tanto relixioso como funerario, monumental ou artístico. 

Ante o proxecto de incoación de expediente de honra na súa memoria iniciado polo Concello de Ourense, cá fugacidade que supón esta publicación nun xornal local, tento amosar o meu apoio á memoria de tan singular e querido personaxe que, conxuntamente cos arquitectos José Queralt Rauret e Antonio Crespo souberon crear unha cidade moderna mediante as súas achegas arquitectónicas. 
De toda a pléiade de estrelas da nosa “Atenas de Galicia” é, sen dúbida, a de Gulías unha das máis brillantes.

Te puede interesar