Opinión

Manzaneda, vila medieval

O Concello de Manzaneda sitúase entre a denominada elevación montañosa coñecida como Cabeza Grande e mais o río Bibei, enclavado na Galicia sur oriental da provincia de Ourense, adscrito á Comarca da Terra de Trives. O acceso ao concello realízase pola estrada provincial OU- 0701 ou a través da OU- 0702. 
Manzaneda é un dos espazos naturais máis fermosos con que conta a nosa ben querida Galicia interior, por desgraza moi afectado pola lacra dos incendios forestais que, ano tras ano, fundamentalmente na época estival, asolan o noso fermoso territorio. Por outra banda, a súa xeografía constitúe un lugar idóneo para a práctica de diversas actividades consideradas de tempo libre ou de lecer, como acontece na cercana estación invernal de Cabeza de Manzaneda. 

O concello dispón dun interesante patrimonio tanto natural como monumental, sendo o mellor expoñente e máis significativo deste último os restos do conxunto defensivo medieval situado no alto da poboación que son, á súa vez, o xerme orixinario da propia vila. 

A antiga fortaleza de San Martiño foi, como case o resto das existentes na provincia de Ourense, de orixe real, ergueita no decurso do século XII por un dos primeiros Condes de Lemos, que a utilizou fundamentalmente como punto de ataque nas súas liortas co seu homólogo o de Benavente, sen que este último chegase a apoderarse desta importante praza forte. 

A Revolta Irmandiña derrubou o castelo, ao igual que moitos outros en Galicia, sendo posteriormente os vencidos obrigados á súa ampla reconstrución, de tal maneira que no século XVI constituía unha das grandes fortalezas das existentes na nosa terra. Co paso dos séculos, a edificación deteriorouse arruinándose, de igual xeito que o que aconteceu con moitas outras, chegando no século pasado a utilizar as súas pedras na propia construción das vivendas da vila e maila bisbarra, ademais do seu emprego na construción do firme da estrada a Sobrado.         

No ano 1362 a vila atopábase xa murada, sendo posesión do Conde de Lemos ata pasar, no século XVI, á xurisdición do de Ribadavia, que a mantivo no seu poder ata a total desaparición dos señoríos no século XIX.
Poucos son os restos que se conservan desta rexa edificación, salvo os grosos muros que rodeaban a vila, duns catrocentos metros de lonxitude, dos que actualmente permanecen en pé un total de cen de diferente altura, superando nalgúns casos os dez metros. Nun dos seus tramos consérvase actualmente en bo estado unha das tres portas que existiron no medievo, a Porta da Vila, con forma de arco apuntado constituído por doelas colocadas en forma de cuña e decorada con melóns, que forma parte visible do patrimonio artístico actual de Manzaneda. Rodeando ao castelo consérvanse a base e dous lenzos coñecidos como "o pé da torre", anacos dunha torre defensiva na que aínda actualmente se observa a presenza dunha barbacana decorada con interesantes troneiras.

O cárcere dos Sarmiento, afortunadamente restaurado a partir do ano 1991, ergueuno o conde de Ribadavia, como o manifesta a presenza dun desgastado escudo señorial que loce na súa fachada; nel represéntanse os símbolos dos Sarmiento acompañados dos de  Ribadavia.

Te puede interesar