Opinión

Ruta ambiental Muíño da Veiga e Outariz

Na sociedade actual, na que o ritmo da vida é máis trepidante, cumpre buscar alternativas naturais que fomenten tanto o descanso como o lecer mediante un contacto máis activo e directo ca propia natureza que nos rodea. Sabemos que a busca dun entorno natural san é un logro difícil de acadar, tanto pola propia degradación do medio ambiente como pola carencia de espazos verdes naturais. A adecuación e posta en servizo de zonas verdes para o uso do cidadán constitúe todo un reto, sobre todo naqueles concellos nos que existe un alto risco de contaminación ambiental, non resultando estraño por elo a preocupación, tanto de deseñadores, paisaxistas e restauradores, por sanear aqueles lugares considerados como altamente degradados.

O curso medio do noso vello río Miño, tramo comprendido entre a ponte romana mailas burgas de Canedo, Outariz e o Paseo das Ninfas, conta cunha ampla zona de ribeira. Á súa recuperación ambiental rescatou singulares valores esquecidos de antano, tanto de tipo natural como etnográfico ou termal.

O muíño “O Porto”, situado na confluencia do regato do seu mesmo nome co Miño é unha construción típica das denominada popularmente como “muíños de palas circulares”. A ubicación da construción en forma de cuña orientada cara contracorrente serve para guiar a auga en dirección ó muíño, canalizada mediante as aceas o que permite o movemento das dúas rodas cas súas palas que, a súa vez, transmiten o movemento á moa. A composición construtiva do pequeno edificio a forman catro muros de cachotería en granito cuberto con lousas que aloxan no seu interior todos aqueles elementos necesarios para a moenda.

Outra característica importante do muíño a constitúe a existencia de auga quente a 60ºC, sendo na súa composición bicarbonatadas, sódicas, ademais de ser fluoradas e litínicas. Manan de dous puntos situados entre os cortes da rocha granítica, e dada a súa utilidade menciñan, son represadas con fines terapéuticos nunha poza principal máis outras tres. É así mesmo interesante o espazo verde de ribeira existente no seu entorno.

Nas veciñas termas de Quintela, coñecidas máis popularmente como de Outariz, se sitúa o complexo público termal, que conta con seis piscinas ó aire libre ó que se suma o centro termal de iniciativa privada, de clara inspiración xaponesa, tanto polo seu estilo de baño, como polos sistemas de deseño construtivo.

As características das augas son similares ás existentes no cercano Muíño do Porto sendo igualmente recomendado o seu uso nos tratamentos contra as enfermidades como a reuma, artrites e outras diversas afeccións.

Un punto e aparte e posta en valor o constitúe a propia vexetación do entorno, formada polo bosque de ribeira, repartido nun estreito corredor verde estendido ó longo de ambas beiras. Este bosque cumpre un papel fundamental na conservación do río. Por un lado as súas raíces fixan os marxes, evitando a erosión causada tanto polas chuvias como polas enchentas do propio río; por outra banda, a súa sombra axuda a regular a temperatura da auga do río, especialmente durante os meses máis cálidos.

As illas do Miño son o resultado da acumulación dos sedimentos que transporta a propia auga. Estas illas son fundamentais para o desenrolo tanto da flora como da fauna da zona, sendo uns espazos especialmente valiosos para a propia conservación da biodiversidade.

Te puede interesar