Opinión

Sepulcro do cardeal Pedro Quevedo, rexente de España con Fernando VII

Na noite do día 13 de agosto do ano 1776 facía a súa entrada, de xeito sinxelo, na sé ourensana o seu novo pastor, o doutor don Pedro Quevedo e Quintano, con tan simple aparato protocolario, como di o seu mellor apoloxista Bedoya: “Que venía a caballo en una mula, sin mas comitiva de familia propia que el paje que le servía en Salamanca”

Don Pedro Quevedo e Quintana, bispo de Ourense dende 1776 ata 1818, naceu no pobo de Villanueva del Fresno, provincia de Badaxoz, o día 12 de xaneiro do ano 1736. Comezou os seus estudios na cidade andaluza de Granada, sendo colexial maior en Cuenca e Salamanca. Polas súas virtudes nomeárono lectoral da catedral de Zamora e mais tarde maxistral en Salamanca, acadando axiña o grado de doutor ademais de catedrático. 

Aos corenta anos de idade foi nomeado bispo de Ourense sendo consagrado o día 14 de xullo do ano 1776. A súa actividade tanto política como relixiosa foi notable e discutida, así durante a catividade do rei Fernando VII, no ano 1810, tivo que aceptar o cargo de presidente da Rexencia do Reino, cargo que mais tarde rexeitala do mesmo xeito ca súa proposta de nomeamento, por dúas veces, como arcebispo de Sevilla para xa, en idade avanzada, recibir na cidade das Burgas o capelo cardinalicio por disposición do Papa Pío VII, no ano 1816.

Pero saibamos que especiais condicións adornou a este querido prelado durante o seu longo pontificado na sé ourensá para que, deste xeito, contribuír ca súa memoria sexa inesquecible entre a poboación de Ourense, a pesares dos douscentos anos do seu pasamento?

Del di o cóengo e doutor da catedral de Ourense, Juan Manuel Bedoya, que predicaba tódolos días de festa e moitos máis, tanto de novo como de vello; que a súa secretaría endexamais cobrou trabucos sendo, nos tempos da revolución francesa, o gran protector de multitude de cregos e de bispos fuxidos na época do terror do directorio francés e mais tarde de Napoleón, brindando xenerosa e bondadosa axuda baixo a maternal man do bispo dentro da súa sé episcopal. A súa caridade demostrase na fundación e sostemento do colexio de nenos expósitos das Mercedes podéndose dicir, igualmente, que foi o fundador do Seminario Conciliar de San Fernando. 


Evanxelización


Ao largo da súa preocupación constante pola evanxelización e protección dos seus queridos fieis resplandece o desinterese por todo signo externo de ornato; así nas súas persoais visitas pastorais ás diversas parroquias evitaba o estipendio que supuña a súa estadía nas mesmas aloxándose nas casas mais humilde dos labradores aos que retribuía xenerosamente. A súa alma caritativa obrigouno a interceder ante o rei Fernando VII para pedir o indulto e perdón a favor de Fernando Joanes, un dos revoltosos nomeada da Ulloa, do mesmo xeito como para tantos outros reos sentenciados á última pena capital, a forca.

A súa negativa á firma da primeira Constitución Liberal elaborada polas Cortes de Cádiz, froito do seus escrúpulos acerca de xuros prestados, ocasionoulle multitude de dores e agravios; así  a devandita negativa motivou como represalia o seu desterro e posterior exilio no veciño pais portugués, de xeito concreto no pequeno pobo de Turei, preto de Calvos de Randín, nese intre, pertencente á sé ourensá. 

O cardeal Quevedo finou na cidade de Ourense o día 28 de marzo do ano 1818, sendo solemnemente soterrado, en honor de santidade, baixo as gradas do presbiterio da capela maior da basílica catedral de San Martíño. Mais tarde o cabido mailo propio pobo costeou a construción dun mausoleo en mármore de Carrara trasladando as súas cinzas ao sarcófago situado a carón do altar maior.

O dignísimo panteón componse de dúas partes, na superior no frontal, no seu lateral dereito, represéntase o distintivo da fortaleza na figura dun Hércules arrimado a unha pilastra cortada, portando na man a clava,  noutro extremo a caridade ou o amor materno, consistente nunha matrona romana con dous cativos.Entre ambos aparece o busto, de perfil, do cardeal cuberto co seu birrete lucindo sobre o peito o pectoral ca distinción da Gran Cruz de Carlos III.   

Te puede interesar