Opinión

Torre da Pena

Castelos, fortalezas e torres así como outros tipos de construcións militares tanto de carácter preventivo como de vixilancia dunha determinada comarca, coñécense dende a máis remota antigüidade. Recintos amurallados, parapetos para protexer os palacios e residencias dos nobres, defensas exteriores e un longo etc. utilizáronse xa durante o dominio dos asirios e babilonios en Persia; nembargante será nos inicios do Cristianismo, e sobre todo durante o esplendor do Imperio Romano, cando aplicaranse, de xeito aínda rudimentario, polo poderoso exército imperial para a defensa e seguridade do súa propia tropa. 

A arquitectura dos castelos tivo o seu máximo esplendor durante a Idade Media. Así, os señores feudais os construían en lugares altos, de fácil visión da bisbarra circundante. Basicamente consistían en diversos recintos fortificados constituídos por unha grande ou pequena fortaleza, auxiliada por diversas torre ou torreóns, rodeados de edificios auxiliares, case sempre, cinguidos por unha muralla protexida por un foxo circundante. Cando a construción acada determinada envergadura denomínase castelo, noutros casos considérase como torre de aviso ou vixilancia.      

A Limia constitúe unha importante comarca da provincia de Ourense. O concepto de “Castelos da Limia” define unha serie de pequenas fortificacións estratéxicas, noutrora dependentes do poderoso castelo de Monterrei, que desempeñaron un importantísimo papel na historia medieval de Galicia, abarcando extensos terreos comprendidos entre o val de Monterrei, Allariz, Taboadela e a capital das Burgas, en Ourense. 

A torre da Pena da Portela atópase situada na parroquia de San Pedro, pertencente ao Concello de Xinzo. Situada sobre un montículo rochoso, de non doado acceso, tiña por misión, conxuntamente cas súas tres irmáns: Sandiás; Forxá, en Porqueira, maila actualmente desaparecida de Celme, en Rairiz de Veiga, a propia vixiancia da lagoa de Antela, así como o posible acceso das tropas portuguesas a Galicia, o que conferiulles unha misión estratéxica de primeiro orde defensivo. A torre da Pena, edificada pola Coroa no transcurso do século XII, tivo certa relevancia ante os intentos de invasión por parte do primeiro rei de Portugal, Alfonso I  Henríquez, sendo posteriormente ocupada polas forzas do duque de Lancaster, no ano 1386. Parece ser que no 1471, ao igual que moitas das fortalezas existentes en Galicia, sufriu o asalto dos Irmandiños sen que resultase destruída na súa totalidade. Herdada polos condes de Monterrei, por parte da casa dos Biedna, pasou a man do duque de Alba, herdeiro da nobreza de Monterrei, estando habitada ata os mediados do século XVIII, no que acabou desmantelada e destruídos os seus canóns de defensa, chegando finalmente a utilizar as súas pedras na realización de diversas construcións da bisbarra. 

Un recente traballo por parte de arqueólogos da Xunta está dar a coñecer a importancia histórica da torre medieval, posible resto dun importante castelo situado nun notable enclave poboacional. Da vella edificación, actualmente en proceso de traballo arqueolóxico, só se conserva a torre do homenaxe. A cuadrangular edificación militar a compoñen tres andares, apreciándose na parte superior o que foron noutrora os restos de diversas ménsulas cortadas a modo de ondas sustentadoras das ameas. Non posúe piso interior, non sendo posible o acceso por carecer de escaleira interior. No exterior consérvanse algúns dos tramos da muralla. O acceso ao recinto na actualidade non é doado, tendo que facerse a pé, aínda que merece a pena, xa que dende a cima resulta particularmente atraínte a vista sobre a antiga e parcialmente reseca Lagoa, do mesmo xeito como a súa atraínte bisbarra.

Te puede interesar