Torre de Sande, en Cartelle

Torre de Sande, en Cartelle

Cartelle é un dos concellos ourensáns regados polo río Arnoia, emisario, polo marxe esquerdo, do pai dos ríos galegos, o Miño.
A historia de Cartelle está intimamente vencellada con Celanova e co noutro tempo poderoso mosteiro beneditino existente na vila que conxuntamente con outros, exerceron o seu poder e influencia en toda a bisbarra, sendo á súa vez os iniciadores da súa economía rural durante o decurso da Idade Media. 
Foron os monxes de Celanova os iniciadores do cultivo do viño nesta zona, así como nas terras ribeiriñas no decurso do río Miño e do Arnoia, do mesmo xeito cos detentadores dos dereitos que sobre a pesca posuían, que supuñan unha importante achega de riqueza ao mosteiro, sumado ás aportadas polas rendas provenientes dos seus numerosos priorados espallados por toda a bisbarra. Boa proba deste poder o constitúen os restos da coñecida como fortaleza de Sande, situada a carón da igrexa parroquia de San Salvador.

Curiosamente existen dúas torres en España que levan o mesmo nome: a situada na Comunidade Estremeña e a pertencente á nosa provincia. A de Sande é un bo exemplo característico de torre roqueira construída e adaptada á topografía do terreo do seu asento. A antiga fortaleza medieval conservou ata pouco os seus catro lenzos, máis parte do seu coroamento atopándose actualmente na máis completa ruína, toda ela rodeada de mesta vexetación como consecuencia do seu paulatino e sostido abandono por parte dos seus propietarios. 

A construción érguese sobre un montículo asentada sobre uns agretes penedos que a sitúan a unha altitude de 506 metros sobre o nivel do mar, o que permite, pola súa estratéxica situación, disfrutar dunha ampla vista panorámica sobre as fecundas terras circundantes, tanto da comarca do Ribeiro como de Ourense.

A dilatada historia da construción defensiva remóntase ao ano 1441, cando o rei Alfonso VII, de León e Castela, e máis a raíña dona Berenguela doárona aos poderosos monxes do mosteiro de San Salvador de Celanova. Desta circunstancia naceu o titulo de Marqués da Torre de Sande, que posuía o abade do mosteiro celanovés. 

Diversos enfrontamentos entre os abades e máis os descendentes dos Sande ocasionaron serios conflitos con mortes incluídas, como a acontecida a un dos abades de Celanova co resultado do afianzamento de poder sobre a titularidade da mesma.

O castelo foi campo de batalla entre Fernando II e máis o primeiro rei de Portugal, Alfonso Henríquez, no ano 1165. Durante a pouco coñecida Guerra Irmandiña en Galicia, a incuria dos campesiños da contorna acompañados dalgún nobre, cansos de tantos agravios e abusos cometidos polos moradores do castelo, cebáronse contra o odiado símbolo medieval, causándolle enormes danos que ocasionaron a desfeita da maior parte das súas defensas. 
No seu día o recinto fortificado contou cunha torre do homenaxe construída con grosos sillares de granito ben traballados e asentados sobre unha base rectangular de 6,4 por 5,8 metros cadrados que alcanzaba uns trece metros de altura. Construída en estilo gótico tardío no século XIV, na súa parte superior contaba cunha cativa labra heráldica na que se representaba o liñaxe dos Sande. Posuía unha porta de acceso situada a altura do primeiro andar orientada cara o nacente e baixo ela atopábanse dúas ménsulas. Nos muros espallados ao longo da torre existían diversos e interesantes signos lapidarios ou marca de canteiros.

De titularidade privada, os restos da torre, actualmente e man de catro propietarios a partes iguais que, ao parecer, non dispoñen dos recursos económicos necesarios para facer fronte ao elevado custo que suporía a realización de ningún proxecto de conservación da torre, tendo en conta o grave deterioro na que se atopa ao que se suma a dificultade do seu acceso que encarecería considerablemente calquera proxecto, propuxeron unha solución alternativa consistente na firma dun convenio de cesión da propiedade á administración: Concello de Cartelle ou Xunta de Galicia o que permitiría acadar unha subvención oficial cara a súa rehabilitación e posterior utilización con fines turísticos e culturais.