Opinión

A medida do tempo

Que é o tempo? Para que se mide e cal é a unidade de medida e o aparello para medilo? Din os teóricos que xa na Idade Media se facía política co tempo, incluso, os tempos litúrxicos adaptábanse ás distintas estacións do ano. O dicionario da RAG di que “o tempo é unha sucesión de instantes” e co seu paso ímonos facendo vellos. Non exclúe a ninguén e vai pasando paseniño, sempre ao mesmo ritmo, de présa ou a modiño, deixando pegadas na memoria, na redonda, na morada, no pasado e no futuro. Pasa e, o condenado, non volve nunca atrás. Non volve atrás aínda que o mediras co corazón ou coa alma. Por certo, dous medidores que aportan resultados, case sempre, discrepantes cos achegados ou marcados polos reloxos de ouro, de sol ou de area.

A climatoloxía serve para apurar o tempo. Efectivamente, non sempre hai que andar con présa, pero “se o aire vai para Foilebar, corre!, colle o mallo e vai mallar”; se as néboas van para o Cebreiro, colle a capa e o sombreiro”, deixa de traballar e que a herba medre. Moitos dos lectores deste artigo coñeceron, a bo seguro, a don Mario, o operario que arranxaba o tellado de cada unha das casas do lugar, dos alpendres, do abrigadoiro ou do lavadoiro. Aquel operario que arranxaba todo, que colocaba unha bisagra na porta de entrada ou as reixas férreas dunha fiestra rota de madeira nobre.

Don Mario facía de todo e medía o tempo con unidades rarísimas, malas de entender pola maioría dos iguais, incluso polos coñecedores de seu falar e do seu oficio. -Mario, cando vés para rematar esa ala norte do tellado que deixaches ao descuberto? –Cando cambie o tempo, meu amigo. Despois dunha tempada, o cliente e amigo insiste, agora que xa entrou a primavera, cando virás para rematar o tellado desa ala norte do teito da casa? –Para a semana, meu amigo. Ah! Perfecto, vén cando podas, pero, por favor, non tardes.

Antes de rematar a última semana do mes seguinte, chamoulle por teléfono, -Mario, cando vés para rematar o tellado da ala norte da nosa casa? –Agora, amigo, agora que cambie a lúa e remato a obra que estou acabando. O amigo seguiu esperando tranquilo e sosegado, mentres lle viña á cabeza aquel poema “El amenazado” de Borges, no que o escritor arxentino dicía, “Estar contigo ou non estar contigo é a medida do meu tempo”… “horror de vivir no sucesivo”.

Te puede interesar