Opinión

Don Ramón e don Basilio

Un dos homes, dos intelectuais máis sobresalientes da Galicia do século XX, don Ramón Piñeiro López, é recordado cada ano no seu concello natal, Láncara (Lugo), co premio Facer País, que leva o seu nome e que, no maxín de moitos, é como unha homenaxe permanente á quen foi un dos galeguistas prezados e queridos cando aínda estaba vivo (finou en Santiago de Compostela, en 1990). A cita é para o vindeiro sábado, día 7, onde sempre, en Carracedo de Láncara. Alí farase a festa da cultura e do pensamento, unha das máis importantes de Galicia, dedicada a don Ramón e a don Basilio.

A Asociación Cultural Val de Láncara, coa colaboración de diferentes Asociacións culturais da comarca de Sarria e O Corgo e coa participación do concello de Láncara e o Colexio Público Ramón Piñeiro da Pobra de San Xiao, convocan anualmente este Premio dende 2002, cando o gañador foi un dos amigos de Piñeiro, Isaac Díaz Pardo. En sucesivas edicións foron galardoados Luís Tosar, Milladoiro,  Xosé Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas, A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza, a Real Academia Galega, Mini e Mero, Agustín Fernández Paz, a Mesa pola Normalización Lingüística, Marica Campo e, neste 2015, Basilio Losada Castro (Láncara, 1930), reputado profesor, en Barcelona, tradutor e crítico literario.

Este é o ano do centenario do nacemento de don Ramón, ese intelectual ao que tanto lle deben, incluso, os que o criticaban. Ese magnifico filosofo condutor de vontades en favor da conquista dunha Galicia como país dono de seu. Foi o señor da saudade e o defensor da paisaxe e do humor como fundamentos da identidade dos galegos. Agora dálle o seu nome a un galardón que se outorga a aqueles que contribúen a preservar esa identidade e á defensa da cultura e da lingua de Galicia.

Non é doado manter un premio tanto tempo e con tanto prestixio como este. Por iso, Carlos López Sierra e Manuel Fernández Arrojo merecen gratitude dos veciños, de todos os da comarca e de todas as persoas que andan, traballan e se preocupan por laborear no eido da cultura. Parabéns para eles e tamén para Xurxo Rodríguez Lozano, para o alcalde Darío Piñeiro e para todos e cada un dos integrantes do xurado.

Te puede interesar