Opinión

Fungos e bacterias

Pousaron a man dunha nena de seis anos nunha placa de cultivo e, nun par de días de incubación da pegada, xa se observaba o crecemento de importantes colonias de fungos e unha grande diversidade de colonias de bacterias en distintas formas, tonalidades e cores. Apalpábase e víase con claridade a evidencia da conveniencia de lavar con frecuencia as mans, que están sucias máis veces das que parece. A fotografía da pegada da man da nena na placa de Petri, presentada co título ‘Qué esconde a man dun neno?’, foi a gañadora do primeiro premio do certame de fotografía científica `Fotciencia´, convocado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).

A foto da sucidade é extraordinariamente vistosa e limpa, pero tamén é un indicador de que cómpre lavar as mans despois de todo. Os seus autores, o profesor Raúl Rivas González e a investigadora Lorena Celador Lera son, ambos os dous, da Universidade de Salamanca. Son divulgadores da ciencia e, o mesmo que os que promoven este certame, queren achegala á cidadanía, cunha visión artística e estética. Queren que se saiba e se vexa que a pel non é aséptica, senón que nela proliferan diversos xéneros de bacterias.

Queren que os nenos vexan nas súas propias carnes a importancia do coidado e da hixiene para evitar enfermidades, para erradicar do corpo a calquera microbio e conservar ben a saúde. A Tía Manuela ben que o dicía: os bos hábitos, amigos rapaces, veñen de atrás, adquírense de nenos, na escola, na casa, lendo e xogando. E, cando chegamos a vellos, que pasa? Pois, segundo o autor de Madame Bovary, Gustave Flaubert, “os pequenos hábitos convértense en grandes tiranías”. Aínda así, de vellos tamén hai que lavarse.

Falando de costumes, de ciencia, bacterias e fotografía, que deberían facer os políticos para que a pegada das súas accións non ensucien o camiño polo que debe andar a sociedade enteira?, para que desa pegada quede unha foto limpa? Os científicos da politoloxía aportarán, a bo seguro, ideas que lle axudarán á FECYT e ao CSIC a adaptar as bases do concurso. Nese caso, quen gañe o vindeiro ano poida que sexa outra vez da área de parasitoloxía.

Te puede interesar