Opinión

Un mundo enteiro

Anda polos papeis e por múltiples páxinas de internet unha listaxe cos países máis pequenos do mundo. Cada un deles ten poucos habitantes, pouca extensión e unha enorme ou, cando menos, importante renda por cabeza, é dicir, unha estupenda relación entre o PIB e o número de habitantes. Son países que semellan paraísos. Teñen territorio, teñen goberno e fronteiras. Algún deles non ten máis nada, cartos unicamente. Son mostra evidente de que no mundo existen cousas que, como dicía unha amiga da Tía Manuela, mellor era non telas.

O Vaticano, con menos de medio quilometro cadrado de extensión, é o país máis pequeno do mundo e, pola contra, ten enorme poderío dentro e fora dos seus belos edificios, nos que habitan os homes, os santos e os deuses. Mónaco multiplica por catro a superficie do Vaticano. É unha cidade convertida en Estado, na Costa Azul. Unha Monarquía Constitucional dedicada ao turismo. Nauru e Tavalu son os dous seguintes, moito máis grandes, con 21,3 e 26 quilómetros cadrados de superficie, respectivamente. Os dous son países insulares, Nauru é unha sola illa, unha República Parlamentaria en Oceanía e Tavalu, nove illas situadas na Polinesia, gobernadas polo sistema de Monarquía Constitucional.

A Serenísima República de San Marino é o Estado soberano máis antigo do mundo (independizouse do imperio Romano no ano 301) e, con pouco máis de 30 mil habitantes, é o de menor poboación dos estados membros do Consello de Europa. O Principado de Liechtenstein e a República das Illas Marshall, con 160 e 181 quilómetros cadrados, respectivamente, ocupan o sexto e sétimo lugar entre os países máis pequenos do mundo. En Liechtenstein, ao parecer, hai rexistradas máis empresas que habitantes.

A Federación de San Cristóbal y Nieves é o país máis pequeno de América, unha Monarquía Constitucional con dúas illas no océano Atlántico. O noveno e o décimo dos países máis pequenos son illas do océano Índico, dúas Repúblicas, a das Seychelles, con menos de 90 mil habitantes, e a das Maldivas, con cerca de 350 mil. Á vista deste panorama, é normal que moitos vexan á súa Cataluña, cos seus 32 mil quilómetros cadrados de superficie e con cerca de oito millóns de habitantes, coma un mundo enteiro. Grandísimo!
 

Te puede interesar