Opinión

O poder do capital

Recentemente fíxose público un estudio promovido pola Universidade Complutense de Madrid, en colaboración coa Universidade de Oviedo, no que se demostra que a exposición á luz LED branca que emiten as tabletas produce danos irreversibles nas retinas dos animais de laboratorio cos que experimentaron. Que pasará coas nosas retinas e coas dos nenos e mozos que aprenden nas escolas e pasan media vida diante da pantalla? Sempre diante da pantalla, grande ou pequena, pero nos dous casos maligna.

A coordinadora do estudo, Celia Sánchez Ramos, destacada científica no entorno da protección ocular fronte á luz intensa emitida polas pantallas de smartphones, tabletas, portátiles e monitores, advirte que o uso destes aparellos produce serios problemas  nos ollos e, para alertar aos pais, mais, coidadores, coidadoras, mestres e mestras (non sei que lles parece, amigos lectores/as, esta repetición, por mor do xénero) asevera: “os nenos antes dos catro anos non deberían ver pantallas deste tipo”.

Os filtros externos ás pantallas, ao parecer, minguan o dano, pero non o eliminan.  Aquí, xa di o refrán, “non hai mal que por ben non veña”. Todos contentos e adiante! Cómpre seguir avanzando, iluminando, investigando e producindo para que o consumismo non se deteña, para que non se pare o negocio. Despois, cando sexa, xa se falará do mal, da contaminación, do ruído, a incomunicación, da soidade, da saudade, da depresión e da señardade. Xa se falará disto cando toque, cando o asunto o requira. 

Daquela, cando queden poucas posibilidades de arranxo, faráselle un monumento á investigadora, con cargo aos orzamentos públicos e coa axuda dalgunha multinacional, probablemente, daquela mellor situada para seguir negociando coa saúde da xente. Saúde e negocio non casan ben. É certo, pero que está pasando? Para uns ben, para outros moi ben e mal, totalmente mal, para a maioría. A Tía Manuela non quere unha sociedade deprimida e incapacitada para construír o futuro, pero  non sae do seu asombro ao ver que son os mesmos os que pagan a investigación e os que venden os produtos alimentarios, os pesticidas, a tecnoloxía, a vestimenta, as vitaminas, o xarope e as pastillas. O poder do capital.

Te puede interesar