Plástico a esgalla

Plástico a esgalla

AONU designou o cinco de xuño como “Día Mundial do Medio Ambiente” para tratar de sensibilizar á poboación, ás autoridades, institucións e empresas sobre a necesidade de protexer e mellorar o medio humano. Cada ano este día céntrase nun tema e a conmemoración de 2018 dedicouse ao plástico, de tal forma que todos os ecoloxistas, todos os consumidores e todos os amantes do medio natural apostan por un “planeta sen contaminación por plásticos”, sen lixo e sen elementos que directamente destruían a vida dos vivos. 

Os expertos están preocupados e incluso asustados. Cada día chegan aos mares e aos océanos unhas dezaoito mil toneladas de residuos de plástico, cun altísimo potencial contaminante e de diversos tipos, aínda que abundando o polietileno, o polyester, o polipropileno e o cloruro de polivinilo (PVC) das válvulas, tubos, fiestras e todo tipo de accesorios.  Pensar na cantidade de plástico que se emprega para fabricar envases, pon os pelos de punta e máis aínda ao ver que son envases dun só uso, dispostos para ir inmediatamente aos montóns de lixo que afogan o progreso.

En Galicia hai milleiros de toneladas de material plastificado para destruír. Hai plástico nas vaixelas das casas ricas e nas que fan de morada para os pobres, haino na cociña, no cuarto do medio e na sala de estar, nas portas de entrar e na entrada mesma do fogar. Hai plástico na neveira, na televisión, na mesa de comer, no sofá de sentarse, nos estantes para os libros e no armario que garda os obxectos prezados. Hai plástico no bolígrafo co que escribimos, na pluma que temos para presumir, no reloxo de pulseira e na cama de durmir. 

Plástico na boca, nas palabras, nos soños e na palleta da gaita de tocar. A moreas, e ensuciando a belida Galicia rural, con milleiros de enormes sacas de cor branca ou negra, que gardan a herba verde e cheirenta, fedendo a silo e abafando seguido. Plástico en tódalas formas de vivir, na camisa de vestir, no calzado de andar e na salchicha de comer. Na bicicleta, na moto, no coche ou na aeronave que algúns teñen para pasear. De seguir así, “en 2050 o mundo terá 12.000 millóns de toneladas de lixo deste produto”.  Plástico a esgalla, tamén para envolver, para matar e morrer.