Opinión

Primarias, que máis dá?

As primarias na política, aparentemente, están ben. Para uns, o peor deste modelo é o resultado. Parece unha feira, “se un perde, outro gaña”. Nas primarias da política, curiosamente antes de celebrarse, os candidatos traballan desunidos, sexan moitos ou poucos, “polo ben do partido” que, despois das eleccións, foi quen perdeu, excepto para a candidatura gañadora. E, quen decide nas primarias?, quen é contrincante?, por que se insultan e agriden verbalmente aquelas persoas que defenden a mesma causa partidaria?  Por que? Non se entende moi ben, pero aí está a miseria intelectual e o comportamento corto de miras de quen defende unicamente a lide.  

Cando se presenta unha única candidatura, todo vai sobre rodas, rodado, con primarias ou sen elas. Se hai dúas  ou máis, o conflito está garantido e a secesión apuntalada. Agrándanse as discrepancias, fortalécese a xenreira, a animadversión e a carraxe entre iguais, entre amigos interesados, sen afecto e, naturalmente, sen confianza. O político alemán, Konrad Adenauer díxoo moi claro: “Hai inimigos, inimigos mortais e compañeiros de partido”. Primarias para guerrear, para medir forzas, para, se é o caso, dobregar aos inimigos e para que a poboación saiba que ten razón cando desconfía da actitude daqueles que enganan, sexan de onde sexa. 

Guerra de palabras, guerra dialéctica coa linguaxe inadecuada e coa intencionalidade centrada no interese propio. Linguaxe política, á que o autor de A revolta dos animais, o escritor e xornalista George Orwell, lle atribúe a misión de “facer que as mentiras soen a verdades”, dándolles aparencia de solidez aos ventos do norte e do suroeste, aos do sur e do noroeste, do este e oeste. 

Os políticos, sábeo e recórdao a Tía Manuela, deberían empregar a linguaxe para falar, dialogar, propoñer proxectos, negociar e reforzar as relacións de convivencia entre os homes e mulleres do mundo, se é conveniente, comezando polo concello ou, mesmamente, pola parroquia. Deberían empregar a linguaxe para reforzar e expandir as súas ideas, para axudar a conseguir un mundo mellor, máis solidario, verdadeiramente social e sen fame. Un mundo xusto, con liberdade, educación e sanidade para todos, sen distinción entre pobres e ricos. O dos partidos e o dos candidatos ou candidatas, que máis dá?

Te puede interesar