Opinión

O toque de Víctor Pumarega

Para comer, o mellor sitio que a maioría coñece é a casa e, en segundo lugar, a casa dos pais de calquera dos amigos, de calquera das compañeiras do estudo ou do traballo. A casa do primo ou a da tía, unha casa de alguén na que os sabores recorden amizade e abran os corazóns dos e das comensais, que comen e falan e falan sen parar. Cando non hai fame, comer é unha acción con malevolencia, é unha perdición para a saúde, algo que se debe facer só cando hai moderación e forza de vontade para parar. Comer é unha cousa e alimentarse, xa o dicía Quevedo, é outra.

En Galicia cómese ben, moi ben. En Pontevedra teñen as súas especialidades e son perfectas, igual que as de calquera lugar da provincia de Ourense. En Lugo, xa o anunciaban os carteis, “para comer... Lugo”, e na Coruña hai tamén unha gastronomía de perfección que cativa aos visitantes e fai fartura para todos, sen distinción. En Brión, mesmo xunto da igrexa de Santa Minia está a casa Filiberto, con sabor á tradición e con feitura de novo cuño, con cadencia e con música como a dos músicos de Paderne que, mentres comían, afinaban os instrumentos e humedecían as palletas para tocar na festa e sentir como as mozas e mozos, bailando ao anoitecer, facíanse felices.

Alí, Víctor Pumarega, dende a cociña, atende de forma excepcional e serve a unha clientela fantástica e diversa, estudantes e traballadores, funcionarios e médicos da pública e da privada, persoal sanitario de tódolos centros, decanas, obreiros, mestres e mestras, profesores e profesoras, os dos Premios da Critica e os premiados, pintores, escritores, deportistas, xornalistas, políticos e veciños, entre eles o amigo Vizoso, o gran artista, cartelista e deseñador dos xogos de café de Sargadelos, daqueles que foron como xogos divinos.

En Filiberto mestúranse os sabores ancestrais, procurados por Herminia, a avoa louzariña, case na raia entre os concellos de Samos e o Caurel, coas novas formas de cociñar, dando lugar a combinacións magníficas. Se é menú, está ben e se é de encarga, tamén. A cabra como a de Conxo, Sar ou Vista Alegre; o cocido con carne e chourizos curados na serra, con patacas de alta calidade e verdura de verde verdín. En fin, todos son produtos frescos da horta, frescos do mar e de granxa boa, co toque inconfundible de Víctor.
 

Te puede interesar