Opinión

Palabras e música

Moita xente de distintos puntos de Galicia foi a Samos para falar e escoitar falar de Martín de Padrozelos, aquel trobador do século XII, que deixou dez cantigas para que agora, nestes tempos novos, poidamos estudar e entender mellor a realidade literaria e real da Idade Media. Moita xente era de Ourense, de Vigo e arredores, de Pontevedra e da Coruña; moitos eran de Lugo e outros viñeron de fóra, de Madrid e de Barcelona, de Asturias e de Portugal. 

Acudiron á chamada cultural en réxime de autoconvocatoria e volveron marabillados da zona, daquela zona da Lóuzara xabreira de Fiz Vergara Vilariño, daquela zona do Alto da Pedra, ao carón dos tesos cumes do Courel, onde o ceo e a terra están frecuentemente abrazados pola néboa. “Eiquí síntese ben o pouco que é un home”, escribía Novoneyra. 

Foi un acto divulgativo, de investigación literaria, emotivo e comprometido. Todos atentos e pendentes dos versos medievais. Tan lonxe e tan cerca. Porque “É un orgullo para un pobo ter un trobador como este”, dixo Jei Noguerol, ese cantautor prezado que, a pesar de tantos anos en Barcelona como profesor de Lingua e Literatura, mantén as raíces afondadas na nosa terra e abonadas coa nosa cultura galega.  

Mero Iglesias e Xosé Quintas Canella tamén están no labor e saben que, como dicía F. Nietzsche, “a vida sen música, sería un erro”. Por iso, coa súa xenerosidade e o seu saber, van musicar algunhas das cantigas de Martín de Padrozelos, deste trobador que, segundo o profesor e investigador Xulio Pardo de Neyra, era un louzariño co nome de Martín Pérez. Outra investigadora, a profesora Dulce Fernández Graña defende a calidade literaria das cantigas deste home e, co seu parlamento fundado e argumentado, encheu de emoción ao auditorio, igual que o fixo o mestre, amigo e poeta, Xoán Xosé Fernández Abella, co recitado de “Eu, louçana”.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e a vicerreitora de coordinación do Campus de Lugo da Universidade de Santiago, Montse Valcárcel, xunto co alcalde de Samos e as alcaldesas de Sarria, O Incio e Triacastela, foron destacadas partícipes nun evento cultural feito para que a mocidade fale e escoite falar dos méritos dos seus e para que as palabras, a música e a poesía rompan os parapetos e os antepeitos de calquera tempo.

Te puede interesar