Miguel Cortizo Nieto

Miguel Cortizo Nieto

Coa cara triste, o corazón apertado nun puño e a alma partida polo pranto, choraba con saloucos e laiábase pola imposibilidade de salvar ao amigo que morría na súa cama, na súa casa, na cidade que quería e á que fora, a finais da década dos oitenta, para traballar e triunfar. Ninguén daba creto do que estaba acontecendo. A morte sen piedade entrou no seu cuarto e levouno con ela, non se sabe para onde. Para onde vai a morte que pasa tantas veces ao noso lado?

Onde vai Miguel Cortizo Nieto? Ese biólogo de formación e de profesión, como profesor na Facultade da Universidade de Santiago, primeiro, e  como político de talla grande e corazón aberto, sempre. Se hai ceo, alá está repasando as normas, facendo regulamentos, preparando borradores de proposicións  non de lei, proxectos de lei, interpelacións, preguntas e cantas iniciativas sexan precisas para mellorar, se cabe, ese ceo grande que moitos gañan cun simple sorriso inserido nun poema. 

Estará onde están e estarán tódalas persoas de ben. Vostedes, tamén. Se non houbera ceo, este talentoso emprendedor e amigo, sería quen de construílo e construiríao para apousento de todas as persoas do mundo, sen diferenza do lugar ao que pertenzan, sen diferenza das súas condicións económicas, da raza, da talla, da cor e, obviamente, sen diferenzas por razóns de xénero, de estilo no peiteado, na forma de vestir ou de bailar. Si, na forma de bailar, xa que, como naquel verso de Novoneyra, “bailas e faisme libre”.  

Foi un universitario loitador, un socialista convencido, un profesor excelente e un vicerreitor douto e moi competente, naqueles comezos da democrática gobernanza da Universidade, cando era reitor o seu amigo Carlos Pajares Vales. Cortizo foi un ideólogo que entendía que a cultura, a parcela na que exercía a súa responsabilidade, a comunicación e a xestión debían ser nexos que entrelazaran as accións universitarias coa sociedade á que, precisamente, se debe a verdadeira universidade enteira.

Con dous cursos de verán, “Comunicación e poder” e “Sociedade plural e medios de comunicación”, en 1987, introduciu na Universidade galega os estudos de Comunicación. Andou na política aquí, en Madrid e no exterior. Foi un home de partido e sempre respectuoso, aínda que duro, coas teses dos adversarios, con total tranquilidade, sen odio e sen medo. Como debe ser!