Opinión

Pajares Vales, mestre

Destacadas personalidades da ciencia e da política científica europea déronse cita en Galicia, na Universidade de Santiago de Compostela, para render homenaxe ao mestre, Carlos Pajares Vales. Foi o mércores da pasada semana, pola mañá e pola tarde. Ex reitor da Universidade de Santiago, doutor honoris causa pola Universidade Técnica de Lisboa, Medalla de Ouro da Real Sociedade Española de Física, condecorado polo Goberno Francés como Cabaleiro da Orde das Palmas Académicas, membro do comité científico do Centro Europeo de Partículas Elementais, delegado científico de España no Consello do CERN e Premio Galicia de Investigación. Carlos Pajares é un destacado científico a nivel internacional, con achegas moi importantes no seu eido de investigación, na procura das orixes da materia e da constitución do universo.

As persoas que teñen algo que ver co desenvolvemento científico en Galicia, deben estar orgullosas de que este madrileño de nacemento viñera facerse compostelán de adopción e de corazón. Un galego máis. O seu aspecto de home humilde con grande bonhomía e a seu falar sosegado e directo son como certificados de que se trata dun dos grandes e meritorios mestres en saberes distintos e que, como García Márquez, é quen de dicir non cando é non.

Foi pioneiro da Física de Partículas en Galicia, dirixiu as teses de moitos que hoxe son catedráticos, profesionais e científicos que o queren; andou polo mundo, de país en país, ensinando e aprendendo, co nome de Galicia por diante. Agora, dende a súa posición de profesor emérito na Universidade que axudou a construír, seguirá o mesmo ritmo de traballo, con seguridade e coa mesma altura de miras, sen perder a rebeldía necesaria que o caracterizou sempre.

É un loitador na procura da igualdade social e subministra ferramentas para conseguila. Carlos Pajares sabe ben que “onde hai educación e formación non hai distinción de clases”. Precisamente é voluntario dunha ONGD, para defender o “acceso á educación como medio de cambio social, xustiza e diálogo entre culturas”, como ten dito a Tía Manuela, “entre iguais que son diferentes”. Parabéns, querido mestre!.

Te puede interesar