Opinión

Peste

Anda unha peste recorrendo Europa que vai deixar moito que falar, moito que facer e moito que recompoñer. Os políticos, homes e mulleres, sábeno ben. É como unha infección altamente contaxiosa que vai, de partido en partido, dun lugar a outro, de provincia en provincia e de nación en nación, desfacendo países, deixando o chan raso e as cabezas da cidadanía cheas de preocupacións, de incertezas, de fume e de realidades terribles. 

Os historiadores e os homes de letras falan da peste negra do século XIV, daquela pandemia de 1348 que, en poucos anos, matou a máis da metade da poboación do continente europeo. Foi a peste coñecida máis destrutora da historia. Aquela morte negra ou peste bubónica, ao parecer, veu de Asia e estendeuse velozmente con afáns de matar, sen parar e sen remedio. 

Moitos pensan que a peste que cubre a Europa na actualidade arranca de Cataluña e moitos dos cataláns aseguran que son eles os contaxiados por esa peste “de procedencia coñecida”, aínda que moitos outros non saiban de onde arranca. Pero, vese  que avanza e camiña tesa polos distintos pobos e estados, facendo estragos a moreas aquí e alá. Se non fose pola peste, quen podería entender que tantos representantes elixidos polo pobo queden atrapados na calixe e pechados  coas reixas férreas? Quen podería entender tanto sufrimento, tanto despropósito, tanta insensibilidade e tanta canallada? Se non fose pola peste e pola casta, de que se rirían Jordi Pujol e Marta Ferrusola?

Cando se mete a peste na casa é igual que un andazo que non se vai ata que mata a familia completa e despois outra e outra, ata aniquilar ao pobo enteiro. Todos deben estar atentos e, incluso, preocupados para intentar deter os efectos de tanta doenza, de tanta tristura, de tanta miseria e de tanta inxustiza. Atentos e esixentes cos causantes da desgraza. 

“Rapaces, poñédevos no cuberto!”, recomendaba a Tía Manuela, alentando á mocidade a traballar serea, de forma reflexiva e sen inxerencias de quen defende soamente os interese propios, os dos seus e os da casta. Parece evidente, amigos e amigas, as armas verdadeiramente poderosas para defender os intereses colectivos  son: formación, razón e diálogo. Sen esquecérmonos de que, como dixo Goethe, “somos todos tan limitados, que cremos sempre ter razón”.

Te puede interesar