Opinión

Preparados para resistir

Nos últimos tempos estáselle dando voltas a unha serie de conceptos que parecen claramente revolucionarios e que fan que o mundo perda sentido para moitas daquelas persoas que se resistían aos cambios sociais e tecnolóxicos. Cambios que se están producindo e que, coa súa velocidade vertixinosa, avanzan e provocan nun instante, no sistema social mundial, máis alteracións das que se produciron en miles de anos, dende que o home comezou a cultivar a terra. Alvin Toffler fala deste cambio, social e tecnolóxico, como a chegada prematura do futuro. Chega o futuro e manda ao presente para o pasado.

Nestes últimos días recorreu o mundo unha nova que nos contaba como a empresa taiwanesa Foxconn, a de maior número de empregados de China, reduce o seu cadro de persoal en sesenta mil traballadores, que substitúe por máquinas, por tecnoloxía, por robots que realizan, eficientemente, a función encomendada, e calan. As máquinas farán as tarefas repetitivas que antes facían os empregados e o custe da produción verase considerablemente reducido ou –como se di agora- recortado. Segundo as informacións difundidas, trátase dunha das empresa fabricantes de tecnoloxía maiores do mundo. Das súas factorías saen, por millóns, teléfonos móbiles de alta gama e gran difusión.

A substitución do home pola máquina xa é coñecida e os promotores anúnciana como un avance, como unha mellora social. Queren que se entenda como o aproveitamento do coñecemento adquirido. Daquela, o cambio dos traballadores polos robots, ten que axudar a que os primeiros gañen en liberdade e para iso ten que acompañarse dun novo sistema de reparto da riqueza e de novos valores, que empurren ao mundo cara a novas situacións de xustiza social, de igualdade e, naturalmente, de solidariedade e de respecto máximo á convivencia, en tempo real.

Se o futuro vén tan á présa, poida que se estenda a sensación, e para moitos a certeza, da súa inexistencia. Non esquezan que Einstein aconsellaba “non pensar nunca no futuro porque chega moi pronto”. O mesmo dicía a Tía Manuela, “estudade, nenos!, que o futuro vén de contado e compre estar preparados”. Preparados para asumir a destrución de postos de traballo, para acometer ou sufrir o que outros preparan. Incluso, compre estar preparados para resistir.

Te puede interesar