33 anos ó servizo da veciñanza

33 anos ó servizo da veciñanza

Dende que no 1985 a Asociación San Breixo de Seixalbo empezou a súa andaina efectiva, moito cambiaron as cousas nesta antiga Vila e Couto ourensá. Hai uns días celebrouse o primeiro centenario do reloxo que campa na torre da igrexa, costeado e mantido moitos anos polos veciños e agora electrificado. E tamén hai uns días elixiuse unha nova directiva para a asociación veciñal. É un bo momento para facer un balance do moito realizado nos últimos 33 anos, e lembrar os problemas que aínda están por arranxar. 

Sen entrar no detalle, moito trocaron as cousas e moitas foron as melloras das que hoxe disfrutamos e que naqueles anos oitenta do século pasado esperaban respostas. Comezando polas aceras na estrada OU-105, mellora do saneamento e renovación da rede de auga do casco vello, pavimentación das rúas e accesos a vila, alumado público acorde coa estética do lugar, parque da Infesta, centro cívico, auditorio en Penouzos, parque infantil, recuperación dos comunais e un longo etc. O resultado non pudo ser máis positivo. Todo o reseñado deulle a este lugar unha estética conformando a día de hoxe un lugar saudable pra vivir. Pero o logro máis importante está vinculado coa valoración e autoestima que os seixalbeses hoxe teñen polo lugar onde naceron ou residen. Todos amosan orgullo de ser e de vivir nuha pequena vila de case 900 habitantes onde existe moita vida interna e aínda se manteñen unhas características e comunicacións que non se dan noutros barrios da vella Auria. Existe vida cultural e deportiva e sobor de todo orgullo de pertenza. Estes logros foron en boa parte consecuencia da toma de conciencia e reivindicación veciñal. 

A edición do libro “Seixalbo: anacos do pasado” axudou a coñecer feitos e, en certa medida, identificarse coas ansias de compartir tradición e modernidade que sempre tiveron os nosos antepasados. Este texto reavivou a memoria colectiva e recuperou feitos históricos descoñecidos para a maioría social como as loitas antiforais e o xuizo de vinte anos contra a catedral e o bispo. E así naceu a Festa dos Foros, e outras efemérides que se derivaron delo como o premio anual Freire Carril.

Cando isto escribo despídese unha directiva que estivo presidida por unha muller: María Nóvoa Gómez, que sucedeu a Juan Cid e que ámbolos dous mantiveron con acerto e dignidade a presidencia da asociación veciñal en diferentes mandatos. Con todo é de subliñar que, por riba das diversidades ideolóxicas e partidarias, as persoas que forman a directiva recén elixida, teñen como premisa única traballar polas cuestións publicas que nos atinxen como comunidade. 

Cando estamos a esperar que as melloras prometidas pola corporación presidida por Jesús Vázquez pasen a materializarse en feitos concretos, empeza unha nova andaina tendo un presidente oriundo do Carballiño: Xosé Carballido. Un veciño moi apreciado e querido por todos nós. Unha persoa á que lle desexamos moitos éxitos e coa que estamos dispostos a colabrar, pois existen temas ós que hai que fincarlle o dente dunha maneira definitiva. Citarei algúns deles: buscar aparcamentos para quitar os vehículos do casco antigo; solucionar o tema da fibra óptica, rematar cos problemas da OU-105 e seguir aplicando un PERI razonable.

En fin, trinta e tres anos ó servizo da comunidade cambiaronlle a cara a vila de Seixalbo para mellor. A unidade reivindicativa sempre acada éxitos.