56 núcleos menos na provincia

56 núcleos menos na provincia

Hai novas que por non seren chamativas e estridentes e por non estaren dentro diso que se chama actualidade, pasan case sen pena nin gloria. Poderíamos dicir que non teñen o impacto no lector que debían ter. Mais teñen un fondo que si debera animar a todos á reflexión. Claro, se somos capaces de pensar no futuro desta nosa terra e da nosa sociedade. 

A prensa hai uns días resaltaba que nos últimos dez anos había 56 núcleos menos de poboación na provincia de Ourense. Ou sexa 10 aldeas nas que non quedaba un só habitante. O feito da perda de poboación e unha realidade que xa todos vimos comprobando dende hai moitos anos e que sigue medrando como unha sangría que non para. Galicia, en xeral, perde poboación dunha maneira progresiva; pero o rural galego do interior morre e con elo un modelo de vida que ten centos de anos. E isto debera facernos tremar a todos os cidadáns e sobre todo ós responsables políticos, pois a situación continuada de caída de poboación lévanos a ter unha pirámide humana tremendamente perigosa e feble para a existencia desta comunidade. 

Ben sei que hai cousas que son moi complexas; cousas que se enmarcan dentro das decisións persoais da xente e familiares. Mais, no fondo, as decisións políticas erradas de anos, vense cada día máis claras. E as aldeas quedan sen a voz da xente, o campo en ermo e, de seguir así, axiña todo ese mundo será unha páxina no recordo dos nosos descendentes.

As razóns son múltiples e certamente complexas. Pero hai unha que non se debe esquecer. E esa está referida á valoración dun modelo de vida que, debendo ser reformado para que seguira existindo, sempre foi esquecido en todos os aspectos. O sector primario e a súa estrutura tradicional soamente foi considerado polos políticos no poder como fonte para acadar votos. Pero nunca os seus problemas estiveron na mesa onde se toman as decisións para seren resoltos. Desta maneira o noso rural sempre tivo escaseza de bos servizos para ter calidade de vida. E a súa estrutura da propiedade nunca foi obxecto de modificacións, ou de propostas lexislativas que incentivaran e axudaran a facela rendible economicamente, e animaran a fixar poboación, sen que esta tivera que marchar ás cidades ou emigrar fora da terra. 

Agás as reformas que iniciou o pouco tempo que durou o bipartito co banco de terras, e as que fixeron os alcaldes mellorando accesos nas corredoiras e vías de comunicación, todo seguiu e segue como en tempos inmemoriais. E ó non haber continuidade xeracional a xente busca camiños mellores para acadar un bo nivel de vida, cuestión imposible de ter nas aldeas.

Ten Galicia en xeral, e sobre todo o sur de Lugo e Ourense, un grave problema de despoboamento. O sector primario esmorece, e salvando casos moi concretos, nada se fai por buscarlle solución a un problema tan serio. Nada se fai dende as Deputacións; dende a Xunta, e nada se fai dende o Goberno de Madrid.

Feijoo, cando tomou posesión do segundo mandato, alardeou e anunciou que esta ía ser a lexislatura do rural, a do sector primario. Pero o certo é que nada mudou nin se espera que mude. E mentres, as aldeas e pobos seguen quedando baleiros. De pena.